El Correo Gallego

Noticia 79 de 239 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

O Concello de Valga aproba o plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais

A Corporación tamén acordou resolver o contrato de xestión do Punto Limpo coa empresa Soil Recovery, que se declarou insolvente // A subministración de enerxía eléctrica aos edificios e instalacións públicas sairá a concurso cun orzamento de 612.018 euros

CONCELLO DE VALGA  | 13.08.2019 
A- A+

O Pleno do Concello de Valga aprobou onte –cos votos a favor do grupo de goberno e a abstención do PSOE e Mareas– o Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, un documento elaborado pola empresa pública Seaga dentro do convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural, a Fegamp e o Concello para a planificación da prevención e a xestión da biomasa nas redes de faixas secundarias.

O plan incorpora unha análise territorial e xeográfica dos 40’6 quilómetros cadrados do termo municipal de Valga, atendendo especialmente ao seu medio natural: climatoloxía, edafoloxía, hidroloxía, flora, fauna e espazos naturais protexidos. Tamén inclúe unha análise do risco de incendios elaborada a partir dos datos da Consellería do Medio Rural para o período 2008-2017, no que se contabilizaron un total de 50 lumes con 18’78 hectáreas queimadas. En base a estes datos conclúese que o índice de risco potencial (IRP) de incendio é alto, estando declarado o concello como zona de alto risco (ZAR).

Este Plan Municipal establece as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa, que posúen a función prioritaria de protección dos núcleos poboacionais, das infraestruturas, dos equipamentos sociais, das zonas edificadas, dos parques e dos polígonos industriais.

En base a este obxectivo, será obrigatorio por parte dos propietarios dos terreos xestionar a biomasa vexetal nas redes secundarias situadas nunha franxa de 50 metros arredor do solo urbano, de núcleo rural e urbanizable. Tamén se xestionará a biomasa arredor das edificacións destinadas a persoas, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte.

No tocante ás redes terciarias de faixas de xestión de biomasa localizadas en terreos forestais e vinculadas a infraestruturas de uso público como camiños, vías, estradas de titularidade municipal, pistas forestais, faixas auxiliares de pista ou áreas cortalumes, é competencia do Concello adoptar as medidas de prevención de incendios que lle correspondan.

Outros asuntos da orde do día

Na sesión ordinaria celebrada onte pola tarde aprobouse tamén a resolución do contrato de xestión e explotación do Punto Limpo e da Planta de residuos da construción coa empresa Soil Recovery S.L., despois de que a compañía comunicase ao Concello a súa insolvencia económica e a imposibilidade de continuar xestionando as citadas instalacións municipais. O grupo de goberno e o PSOE votaron a favor e Mareas Locais abstívose.

O Concello iniciará agora un procedemento para a adxudicación do novo contrato e, mentras tanto, está ao cargo da xestión do Punto Limpo e da Planta de residuos da construción, que están abertos os martes pola mañá e os venres pola tarde.

O terceiro punto que se someteu a votación no Pleno foi a contratación da subministración de enerxía eléctrica aos edificios e instalacións públicas por un importe de 612.018’92 euros. O contrato terá unha duración dun ano con posibilidade de prórroga durante outro máis. O anuncio de licitación publicarase no Diario Oficial da Unión Europea e tamén no perfil do contratante do Concello, ao igual que o prego de cláusulas administrativas e prescripcións técnicas. Neste caso só o grupo de goberno votou a favor, mentras que PSOE e Mareas abstivéronse.