El Correo Gallego

Noticia 4 de 362 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

A CONSELLERÍA DE CULTURA INICIA O EXPEDIENTE PARA DECLARAR A ANTIGA LIÑA DE VAGONETAS E O EMBARCADOIRO DE NOVO Y SIERRA COMO BENS DE INTERESE CULTURAL

A Dirección Xeral de Patrimonio destaca que os restos que se conservan son “únicos” en Galicia // A resolución da Xunta conleva a protección inmediata dos bens conforme a Lei de Patrimonio Cultural

CONCELLO DE VALGA  | 27.02.2020 
A- A+

A Consellería de Cultura e Turismo anunciou hoxe a través do Diario Oficial de Galicia a incoación do expediente para declarar como Bens de Interese Cultural (BIC) a antiga liña de vagonetas e o embarcadoiro de carga e descarga de mercadorías pertencentes á industria cerámica Novo y Sierra, desaparecida en 2009.

A resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ten como consecuencia que o funicular de transporte aéreo de materiais e os restos do embarcadoiro se anoten de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e a incoación será comunicada tamén á Administración do Estado. Ademais, a estes bens pasa a aplicárselles de forma automática o réxime de protección establecido na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, que implica a máxima protección e tutela para os restos que perviven hoxe en día: sete torres, catro delas completas, e parte do embarcadoiro.

Para adoptar esta decisión a Xunta de Galicia tivo en conta a excepcional singularidade da antiga liña de vagonetas, xa que permite transmitir como era o funcionamento das explotacións mineiras da época. A Dirección Xeral de Patrimonio destaca que se trata dun “exemplo único en Galicia”. En concreto, indica que “o funicular de transporte aéreo de materiais constitúe o único exemplo desta tipoloxía” que se conserva na nosa comunidade en relación a un tipo de industria, a da produción cerámica, que no seu día estivo moi presente e foi moi relevante en Galicia e, especialmente, no Baixo Ulla.

Unha infraestrutura construída en 1927

A resolución da Consellería de Cultura recolle parte da historia desta infraestrutura, que data do ano 1927. Aínda que a actividade industrial que deu orixe ao transporte de vagonetas comezou uns anos anos, en 1921, cando se instalou na Gándara (Campaña) unha primeira casa para cocer tella e ladrillo, nunha zona na que xa existían barreiras que se viñan empregando, alo menos, dende o século XVIII.

Esta primeira compañía foi cedida, en 1923, a empresarios cesureños dedicados ao comercio de ultramarinos, Escudero & Cía, cos socios de Novo y Sierra, que solicitaron o permiso de explotación de caolín e arxila da sociedade anterior e doutros terreos propiedade dos veciños de Campaña. Esta empresa introduciu xa unha industrialización precoz co uso de enerxía mecánica de vapor, gas e electricidade, fornos de cocción continua, secado de pezas con vapor, etc. Isto permitiulle acadar unha posición destacada en Galicia.

Nesta situación, resultaba necesaria a instalación dun sistema de transporte entre o lugar de produción e aprovisionamento, polo que en 1927 consta a solicitude de autorización para construír o embarcadoiro e un sistema funicular para levar ata el os materiais dende as barreiras da mina Mercedes. Con esta infraestrutura a empresa acadou unha posición de vantaxe no manexo e transporte de grandes volumes de materiais.

O Concello leva anos realizando xestións co obxectivo de recuperar esta antiga liña de vagonetas aéreas con fins turísticos. O proxecto foi aprobado no Pleno celebrado a semana pasada e o seu orzamento ascende a 3,9 millóns de euros. Nesa mesma sesión aprobouse tamén o proxecto para a instalación dun pantalán no lugar no que se conservan os restos do embarcadoiro de Novo y Sierra. Esta actuación, valorada en 332.439’27, será financiada íntegramente por Portos de Galicia.