El Correo Gallego

Noticia 83 de 165 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

A Consellería de Medio Ambiente saca a contratación as obras de humanización do parque Irmáns Dios Mosquera

O proxecto inclúe a construción dunhas gradas, a execución dun carril bici e senda peonil, a dotación de aseos públicos e o acondicionamento das áreas deportiva e de xogos // O Concello e a Xunta investirán nesta actuación un total de 476.575 euros

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 28.05.2019 
A- A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licitou nos últimos días as obras de humanización e mellora do Parque Irmáns Dios Mosquera, nas que o Concello e a Xunta de Galicia investirán 476.575’42 euros en virtude dun acordo de cooperación asinado entre as dúas administracións.

O obxectivo é realzar a importancia deste entorno e convertelo na zona de recreo e lecer por execelencia do municipio e da contorna, ofrecendo aos veciños e visitantes un espazo de calidade e cheo de posibilidades, dando valor á súa paisaxe característica e facéndoo o máis versátil posible para a realización do maior número de actividades.

As actuacións que se proxectan son:

Construción dun escenario e unhas gradas, separados polo regato existente e que non suporán alteración do entorno xa que quedarán integradas no propio desnivel físico do terreo.
Execución dun carril bici arredor do parque con carácter de circuíto pechado pero, ao mesmo tempo, con posibilidade de continuidade futura. Ademais, en paralelo a este carril, crearase unha senda peonil para favorecer os paseos sen interromper a actividade interna do parque.
Instalación dunha nova pasarela peonil cruzando o regato e que dea continuidade á senda.
Acondicionamento da pista deportiva, dándolle valor e utilidade á zona hormigonada existente e dotándoa de equipamento axeitado para a práctica deportiva.
Dotación de mobiliario urbano como papeleiras, mesas e bancos que ofrezan aos usuarios a comodidade axeitada para gozar dunha xornada no parque.
Ampliación da zona de parque infantil, coa instalación de máis xogos para nenos de distintas idades.
Habilitar aseos públicos e un almacén nunha pequena edificación xa existente no parque.
As empresas que queiran optar á adxudicación do proxecto poden presentar as súas ofertas ata as 14 horas do día 12 de xuño. As obras teñen un prazo de execución de seis meses.

Cunha superficie aproximada de tres hectáreas e situado á beira do río Valga, o Parque Irmáns Dios Mosquera alberga unha área fluvial e recreativa composta por unha zona adicada ao baño e outra de parque infantil, parque biosaudable para maiores e zonas de esparexemento e de práctica deportiva. É, ademais, o remate dunha senda que comeza na Casa do Concello e continúa polo Museo da Historia ata chegar ao novo Centro de Interpretación da Caña, a antesala do parque propiamente dito. Nesta zona atópase tamén a estatua da Bella Otero e celébrase anualmente a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, xunto a outras actividades.