El Correo Gallego

Noticia 17 de 362 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Constitúen a mesa de coordinación contra a violencia de xénero no Concello de Valga

López Abellá e José María Bello lembraron os dous asasinatos machistas que sucederon o ano pasado

Acto no que tivo lugar a creación da mesa local.  - FOTO: Concello de Valga
Acto no que tivo lugar a creación da mesa local. - FOTO: Concello de Valga

S. E.   | 14.02.2020 
A- A+

O Concello de Valga constituíu o mércores a mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero. O acto, celebrado no salón de plenos, estivo presidido polo alcalde, José María Bello Maneiro, e pola secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella.

Ambos lembraron os dramáticos acontecementos sucedidos en Valga no ano 2019, con dous crimes machistas en apenas seis meses. "Foi tremendo e entre todos debemos aportar o máximo que poidamos para que algo así non volva suceder, incidindo especialmente na sensibilización dos máis mozos, que son o futuro", remarcou o rexedor.

Segundo explicaron, a mesa de Valga créase co obxectivo de promover políticas e actuacións para erradicar a violencia de xénero, procurar unha maior eficiencia e coordinación á hora de dar resposta a posibles casos e contribuír a optimizar os recursos e servizos de atención ás mulleres.

Á sesión constitutiva asistiron un total de 22 persoas. Ademais do mandatario a da representante autonómica, estiveron a concelleira de Igualdade, Begoña Piñeiro; representantes da Subdelegación do Goberno, da Secretaría Xeral de Igualdade, dos centros educativos e do centro de saúde da localidade; persoal do departamento de Servizos Sociais; a directora, a psicóloga e a avogada do CIM; membros da Garda Civil e da Policía Local; persoal do Concello e axentes implicados nos ámbitos da prevención e a erradicación.