El Correo Gallego

Noticia 10 de 362 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

O CORDEIRO RECADOU 700 EUROS PARA A ASOCIACIÓN ASDENT NO PARTIDO DA COPA DEPUTACIÓN ANTE O LALÍN

O neno Hugo e os seus pais asistiron ao encontro e recibiron os fondos para a investigación da enfermidade de Dent // Na Casa do Concello atópase un dos puntos de recollida de tapóns solidarios para esta causa

CONCELLO DE VALGA  | 22.02.2020 
A- A+

O Cordeiro C.F. xuntou o pasado venres, no partido da Copa Deputación ante o C.D. Lalín, 700 euros para doar á asociación ASDENT e cos que contribuír á investigación da enfermidade Dent, unha doenza xenética, considerada rara, que afecta á función dos riles e que lle foi diagnosticada ao neno Hugo, de 6 anos, xogador das categorías inferiores da Sociedade Deportiva Escravitude.

Ao encontro benéfico asistiron unhas 200 persoas que contribuíron pagando unha entrada de 3 euros. O Cordeiro C.F. destinou a recadación íntegra pola venda de entradas á asociación ASDENT. Ademais, houbo espectadores que fixeron doazóns a maiores ata sumar un total de 700 euros. A directiva do Cordeiro agradece a todas as persoas que acudiron ao encontro a súa solidariedade e as aportacións realizadas.

O pequeno Hugo e os seus pais estiveron entre os asistentes ao partido e recibiron, ao remate dos 90 minutos, un cheque simbólico coa cantidade doada, que hoxe o Cordeiro C.F. fará efectiva mediante transferencia bancaria. No acto de entrega dos fondos participaron o presidente e outros directivos do Cordeiro C.F., o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, e o seu homólogo de Cuntis, e directivos da S.D. Escravitude.

O Concello lembra, de novo, á veciñanza que na Casa Consistorial atópase un dos puntos de recollida de tapóns que a empresa local ODL instalou en solidariedade con Hugo e para axudar á investigación da enfermidade que padece.