El Correo Gallego

Noticia 20 de 173 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Dezanove comisións veciñais engalanan os parques e infraestruturas das súas aldeas no concurso "Embelecer Valga"

O Concello aporta os materiais precisos para executar as obras e outorgará gratificacións de 300, 200 e 100 euros // Nesta edición participan tamén centros educativos, para o acondicionamento dos seus patios e xardíns

CONCELLO DE VALGA  | 06.08.2019 
A- A+

Dezanove colectivos e comisións veciñais presentaron no Concello os seus proxectos de mellora e acondicionamiento de espazos e infraestruturas públicas cos que concorren ao concurso “Embelecer Valga”. Este certame premia ao lugar máis fermoso acondicionado e engalanado pola cidadanía, xa sexa no ámbito urbano ou rural, de maneira que se implique á veciñanza no coidado e arranxo do entorno, acometendo accións de limpeza, mellora, dotación de equipamentos ou ornamentación de paraxes.

Para participar no certame tiveron que formar unha comisión e presentar no Concello unha pequena memoria descritiva das accións de mellora a desenvolver e os materiais que estiman precisos, ademais dunha reportaxe fotográfica do lugar no que se levan a cabo as actuacións. O Concello, pola súa parte, facilita todos os medios para a execución dos proxectos e pon a disposición dos participantes os materiais necesarios para o desenvolvemento das obras.

O xurado encargado de valorar cada unha das actuacións estará integrado por representantes de cada comisión veciñal participante. O proxecto mellor valorado será premiado cun agasallo, diploma e 300 euros e o segundo clasificado recibirá os mesmos galardóns coa excepción da cantidade económica, que ascenderá a 200 euros. As demais comisións presentadas recibirán un diploma e unha gratificación de 100 euros.

As comisións que concorren ao concurso e os seus respectivos proxectos son:

1. ANPA e CEIP Plurilingue Baño-Xanza: acondicionamento de xardíns, pistas e peche do colexio.

2. ANPA e CEP Plurilingüe Ferro Couselo: acondicionamento do xardín do colexio.

3. Avenida da Coruña: instalación de barbacoa, tirolina e mellora do parque.

4. Barcia: renovación da casiña do parque e acondicionamento do entorno.

5. Barro: limpeza xeral e reposición de plantas no parque.

6. Beiro: acondicionamento e renovación do parque.

7. Canle: mellora do parque e da piscina e instalación dunha casiña de xogos.

8. Casaldeirigo: colocación de parque infantil e acondicionamento do entorno.

9. Cernadas: instalación da cuberta do lavadoiro e dunha mesa.

10. Cerneira (A Fonte): cancha de baloncesto, varanda e acondicionamento do entorno.

11. Cimadevila e Souto: reparación da cuberta do lavadoiro e mellora do parque infantil.

12. CRA de Valga (Escolas Unitarias): acondicionamento e mellora de patios e xardíns.

13. Eiras: reparación do lavadoiro da aldea (Tellado, varanda, e chan) e adecentamento do entorno.

14. Gándara: cambio de fonte de pedra, novas plantas e pintado.

15. Laceiras: acondicionamento do parque, substitución de columpios e prantas.

16. San Miguel: acondicionamento e limpeza do cruceiro e do entorno da igrexa.

17. Tarroeira: instalación dunha pérgola de madeira, cabaña, columpios, unha fonte e xardineiras.

18. Vilar: acondicionamento xeral: bancos, papeleiras, prantas…

19. Vilarello: acondicionamento e arranxo do parque, do lavadoiro e outras instalacións.