El Correo Gallego

Noticia 15 de 190 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

A directora xeral de Familia visita a escola infantil de Valga para comprobar as melloras executadas cunha subvención da Xunta

Instalouse unha cociña industrial, dotouse ao centro de novo material didáctico e de oficina e creouse un horto // O alcalde anunciou a solicitude dunha nova axuda autonómica para “continuar mellorando a escola e favorecer a conciliación das familias de Valga”

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 27.08.2019 
A- A+

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, Amparo González, visitou este mediodía a escola infantil municipal para comprobar as melloras executadas nas súas instalacións cunha subvención de 18.000 euros concedida pola Xunta de Galicia. A directora veu acompañada polo delegado territorial José Manuel Cores Tourís e foi recibida polo alcalde, José María Bello Maneiro, as concelleiras de Educación e Benestar Social, Carmen Gómez e Begoña Piñeiro, ademais da directora da escola infantil, Aurora Díaz.

Coa axuda recibida por parte do goberno autonómico deuse resposta a algunhas das necesidades que presentaba o centro debido ao progresivo aumento do alumnado. Instalouse unha cociña industrial, dotouse ás instalacións de novo material didáctico (unha pantalla táctil e bumbos), estanterías, un ordenador, unha impresora e outro material de oficina. Tamén se creou un horto escolar.

A escola infantil municipal, situada en Baño, acadou o ano pasado 89 nenos. Nos últimos dous exercicios a elevada demanda conlevou a apertura de dúas novas aulas, pasando de catro ás seis actuais e nestes momentos son xa 69 os rapaces matriculados para o vindeiro curso 2019/2020.

No transcurso da visita, o alcalde anunciou que o Concello volverá a concorrer a esta orde de subvencións para continuar mellorando a escola e o servizo que presta tanto ás familias de Valga como a veciños doutros concellos. “Seguiremos traballando polo benestar dos máis cativos. Eles son o futuro e, por iso, debemos entre todos ofrecerlles o máximo benestar posible, favorecendo ademais a conciliación laboral e familiar”, dixo o rexedor. Neste sentido, Bello Maneiro agradeceu a axuda económica que a Consellería de Política Social presta a concellos como Valga, para que poidan contar con instalacións de primeiro nivel.

A directora xeral, pola súa parte, felicitou o traballo do Concello á hora de “por a disposición das familias un recurso de conciliación tan importante e de calidade como esta escola” e explicou que a orde de axudas para a mellora de centros municipais de Educación Infantil ten, precisamente, como obxectivo ofrecer ás familias e aos nenos os servizos e o material necesario para o seu benestar. Estas subvencións, que poden acadar os 35.000 euros, poden investirse tanto na realización de obras como na adquisición de material didáctico e de xogo, así como en novas tecnoloxías.