El Correo Gallego

Noticia 40 de 140 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Entrega de diplomas aos participantes no Campus Sénior

Trinta e seis maiores asistiron durante este curso aos obradoiros de estimulación cognitiva e expresión artística // Estas actividades axúdanlles a reforzar autoestima, relacionarse con outras persoas e acadar unha maior satisfacción persoal

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 13.06.2019 
A- A+

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Begoña Piñeiro entregaron esta mañá os diplomas aos participantes no Campus Sénior, un programa que promove a Concellería de Benestar Social e que axuda aos maiores a mellorar a súa autoestima, relacionarse con outras persoas e acadar unha maior satisfacción persoal.

Trinta e seis veciños de Valga asistiron durante este curso aos obradoiros de estimulación cognitiva e expresión artística. O primeiro está orientado a traballar a memoria. O relato de contos, a realización de pequenas operacións matemáticas, e a resolución de adiviñas e pasatempos son algunhas das técnicas que traballan, así como a realización de exercicios vencellados a actividades cotiás como elaborar a lista da compra.

As clases de manualidades e pintura son impartidas por Ángeles Garrido e axudan aos participantes a expresarse e a potenciar a súa faceta artística, traballando tamén outros aspectos como a psicomotricidade.

Con estas actividades o Campus Sénior contribúe a acadar unha maior calidade de vida para as persoas maiores, favorece a súa integración e mellora a súas relacións sociais, ao tempo que os inscritos traballan o mantemento das súas capacidades cognitivas, persoais e sociais.

Ademais dos correspondentes diplomas, os participantes recibiron como agasallo un xabón de camelia realizado polos usuarios do CODI.