El Correo Gallego

Noticia 43 de 105 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

A Escola de teatro de Valga presenta as obras "O soldadiño de chumbo" e "Cousas de parella"

Será este sábado, 4 de maio, ás 20 horas con entrada de balde // O grupo infantil reflexionará sobre a integración das persoas con discapacidade e os adultos ofrecerán unha función cómica

CONCELLO DE VALGA  | 29.04.2019 
A- A+

A Escola Municipal de Teatro encara a recta final do curso e os seus alumnos prepáranse para ofrecer ao público varias representacións coas que amosar o resultado do traballo realizado durante os últimos meses con Manuel Solla Barragáns como profesor.

O vindeiro sábado, 4 de maio, tanto o grupo de adultos como o infantil subirán ao escenario do Auditorio para representar “O soldadiño de chumbo” e “Cousas de parella”. Será a partir das 20 horas con entrada de balde para todos os espectadores que queiran asistir.

No que respecta aos rapaces, protagonizarán unha versión con mensaxe do conto tradicional “O soldadiño de chumbo”, de Hans Christian Andersen. “É unha obra con valores, centrada na integración do diferente e, especialmente, das persoas con mobilidadade reducida ou con discapacidade. Queremos dar visibilidade a esas persoas” e facer reflexionar tanto aos xóvenes actores da Escola Municipal como ao público, explica Manuel Solla.

O grupo de adultos, pola súa parte, representará “Cousas de parella”. Trátase de varios sketchs humorísticos arredor da vida en parella baseadas nas televisivas “Escenas de Matrimonio”. Será unha función moi divertida, augura o director da escola, “para que a xente saia cun soriso na boca”.

Este grupo dos maiores será, ademais, o encargado e representar a obra gañadora do Premio de Teatro “A Guerra da Independencia en Valga” o vindeiro 1 de xuño, dentro dos actos da recreación da Batalla de Casaldeirigo, da que este ano se cumpre o 210 aniversario. Trátase do texto “O que Napoleón non se levou”, escrito por Marcela Rodríguez, e que ofrece dous puntos de vista sobre o mesmo acontecemento histórico: o dos soldados franceses, no seu intento de conquistar España, e o dos campesinos e veciños de Casaldeirigo, que idean as tácticas máis inverosímiles para intentar frear o avance das tropas napoleónicas.

“Os papeis xa están repartidos” e nas vindeiras semanas intensificaranse os ensaios para “centrarnos ao 100% nesta obra. Temos por diante case un mes para dedicarnos en exclusiva a ela”, explica Manuel Solla.