El Correo Gallego

Noticia 113 de 141 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Escolares do colexio Ferro Couselo póñense na pel das persoas con discapacidade

O Centro de Día organiza as quintas Xornadas de Sensibilización coa Discapacidade, nas que tamén participarán os colexios de Baño e Pontecesures // Os estudantes sortearon obstáculos nun percorrido en cadeira de rodas e completaron un circuíto cunha perna atada á doutro compañeiro

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 15.03.2019 
A- A+

O Centro de Día de Valga deu onte por inauguradas as Xornadas de Sensibilización coa Discapacidade, unha actividade na que participan diversos centros educativos do municipio e da contorna e que permite aos escolares experimentar de primeira man as dificultades ás que se enfrontan acotío as persoas con discapacidade e as barreiras que teñen que superar.

O CEP Xesús Ferro Couselo foi o encargado de estrear esta quinta edición das xornadas, en concreto o alumnado de 3º e 4º cursos de Primaria, que visitaron o Centro de Día para coñecer as súas instalacións e as actividades que alí realizan os usuarios. Despois, divididos en dous equipos, realizaron unha serie de probas que simulaban determinadas discapacidades. Por exemplo, a hemiparesia, a parálise das extremidades dunha mesma parte do corpo. Os rapaces tiveron que completar un circuíto atados por unha perna a outro compañeiro, para así experimentar a sensación de controlar só unha parte do seu corpo.

Outro dos retos foi realizar un percorrido en cadeira de rodas sorteando obstáculos que simulaban as barreiras arquitectónicas que entorpecen a mobilidade nas rúas de calquera vila ou cidade. Os estudantes do CEP Ferro Couselo puideron comprobar por si mesmos como o simple feito de baixar dunha beirarrúa conleva unha gran dificultade para os discapacitados. E non só se puxeron na pel destas persoas, senón que ademais tomaron conciencia de como poden facilitarlles a vida e axudalas a ser autónomas.

Tralo esforzo, os escolares degustaron unha merenda e recibiron como agasallo unha libreta feita polos usuarios do Centro de Día.

Nas vindeiras semanas participarán tamén nestas actividades o CEIP Plurilingüe Baño-Xanza e o CPI Pontecesures.