El Correo Gallego

Noticia 81 de 190 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Estudantes de secundaria do instituto traballan na recuperación da microtoponimia das aldeas de Valga

Alumnos da materia de Paisaxe colocaron este mediodía un sinal simbólico no Quinteiro (Bronllo) // O acto contou coa asistencia do alcalde e doutros tres concelleiros do equipo de goberno

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 19.06.2019 
A- A+

O alumnado da materia de Paisaxe de 2º da ESO do IES de Valga colocou este mediodía en Bronllo un sinal simbólico como colofón ao proxecto de recuperación da microtoponimia de Valga que desenvolveron durante este curso académico e que abarcou, ademais de Bronllo, aos lugares de Cerneira e Pontevalga.

Ao acto asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Carmen Gómez, Pedro Calvo e Malena Isorna, que se sumaron aos estudantes e aos veciños do Bronllo. Alguns deles colaboraron activamente co IES no desenvolvemento deste proxecto centrado na recuperación dos nomes dos lugares das aldeas de Valga, co obxectivo de que non caian no esquecemento e se manteñan vivos para estas e futuras xeracións, explicou o mestre Juan Carlos Montejano.

As actividades realizadas durante o curso incluíron visitas e percorridos por Bronllo, Cerneira e Pontevalga para recoñecer os diversos espazos destas aldeas, charlas con informantes sobre os diferentes nomes de lugares e tamén unha entrevista ao alcalde realizada polo alumno Samuel Rial e centrada na denominación dalgunhas das rúas de Pontevalga, como entorno máis urbanizado do municipio.

O sinal colocado este mediodía foi feito polo alumnado e profesorado do ciclo de Fabricación Mecánica do IES. Elixiuse o lugar do Quinteiro como emblema da vida diaria e do contacto social dos habitantes da aldea.

En vindeiros cursos o proxecto de recuperación da microtoponimia de Valga continuará o seu percorrido por outras aldeas de Valga. O alcalde animou ao alumnado e ao profesorado do IES a que así sexa, xa que se trata “dunha iniciativa moi interesante e que contará con todo o apoio e colaboración do Concello”.