El Correo Gallego

Noticia 109 de 320 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

O festival de outono de corais reuniu a catro agrupacions de Rianxo, Cariño, Asturias e Valga

O alcalde e os concelleiros de Cultura, Turismo e Benestar Social asistiron ao concerto, que se celebrou no Auditorio // A Polifónica Santa Comba, organizadora do evento, cumpre a finais de ano o seu 25 aniversario

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 08.10.2019 
A- A+

O Auditorio Municipal recibiu o sábado a catro agrupacións de Galicia e Asturias que participaron no XIV Festival de Outono de Corais, organizado pola Polifónica Santa Comba de Cordeiro. Ademais dos anfitrións, actuaron a Coral Abraira de Asados (Rianxo), a Rondalla de Cariño e a Polifónica de Tapia de Casariego.

Os rianxeiros de Abraira, dirixida por Xoán Xosé Rodríguez, interpretou as habaneras “Yo quiero ser marinero” e “Salió de Jamaica”, e os temas “Un negro amor”, de Alfonso Espraza e J.A. Olveira, e “Negra sombra”, de Rosalía de Castro.

A continuación foi o turno da Rondalla de Cariño que, ao son das guitarras, bandurrias e laúdes, cantou “A mis amigos” de José Luis Rodríguez, “Golondrina de amor” de Manuel Guirao, “Viento del norte” de Fernando Agüeros e “Mujer” de Ignacio de Ibarra. O grupo estivo dirixido por Marisa Novo.

O concerto continou coa coral asturiana de Tapia de Casariego, dirixida por Ana María González Suárez. O seu repertorio estivo composto tamén por catro cancións: a habanera “Yo te diré” de J. Halpern e E. Llovet, o fado “Cançao do mar” de Ferrer Trindade, “La Santina” de Tanea e “Andaluces de Jaén” de Miguel Hernández.

Por último, subiron ao escenario os anfitrións, a Coral Polifónica Santa Comba, para interpretar o tema popular “O Galopín”, “El abanico” de Trayter, “Coro dei crociati e pellegrini” de Verdi e “El anillo de hierro” de Miguel Márquez. A dirección correu a cargo de Manuel López Castro e actuaron acompañados ao piano por Paula Gago.

O festival contou coa asistencia do alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros de Cultura, Turismo e Benestar Social, Pedro Calvo, Malena Isorna e Begoña Piñeiro. Tamén os acompañaron o ex alcalde Daniel Barreiro e o empresario Andrés Quintá. Antes de rematar o concerto, as autoridades fixeron entrega dun agasallo a cada coral participante e a presidenta da Polifónica Santa Comba, Valentina Ferro, dirixiu unhas palabras ao público animando aos veciños a que “se unan á coral”. A agrupación de Cordeiro festexará a finais de ano o seu 25 aniversario.

Para pechar o concerto, as catro corais participantes compartiron escenario e cantaron, acompañadas polo público, “Clavelitos” e “Cantiga de Montefurado”.