El Correo Gallego

Noticia 13 de 320 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

FRAN E JUAN OTERO LOBATO, VECIÑOS DE LAXES, PROCLAMÁRONSE GAÑADORES DO XVIII CONCURSO DE BELÉNS

O alcalde entregoulles como premio un vale de 100 euros para canxear no comercio local // O grupo de amigos de Julián Cerneira foron os segundos clasificados e Sara Portas acadou o terceiro premio

CONCELLO DE VALGA  | 07.01.2020 
A- A+

O xurado do XVIII Concurso de Beléns organizado pola Concellería de Cultura decidiu, logo de visitar os nacementos participantes, outorgar o primeiro premio do certame a Fran e Juan Otero Lobato, que recibiron un vale de 100 euros para canxear no comercio local, ademais dun roscón de Reis e un diploma.

Estes irmáns de Laxes presentaron ao certame un nacemento duns 10 metros cadrados de superficie e con 185 pezas. As edificacións foron feitas artesanalmente con materiais coma corchos, cartón, paus de xeados, pedras e restos de ladrillos. As figuras eran de barro. O nacemento contaba, ademais, con iluminación e movemento nalgunhas pezas coma o muíño.

O segundo premio recaeu no grupo de amigos formado por Julián Cerneira, Alejandro Torres, Jenifer Valiño, Pedro Ramos, Alfonso Álvarez, Ainoa Fontán, Alejandro Cortés, Gustavo Tarrío e Andrea Torres, que concorreron ao concurso cun belén de 130 figuras dispostas en seis metros cadrados con edificacións feitas tamén a man, a maioría de corcho. Tamén neste caso, a composición incorporaba iluminación e pezas con movemento e nel destacaban algúns detalles de carácter local coma o Camiño de Santiago que levaba ata as portas da Catedral.

Este segundo premio consistiu nun vale de 75 euros para gastar no comercio local, xunto co roscón e o diploma.

O terceiro posto do concurso foi para Sara Portas Piedras, veciña de Pontevalga, que montou un belén de 5 metros cadrados e unhas 155 pezas con edificacións de madeira e poliestireno, figuras de barro e plástico e con iluminación. Recibiu, ademais do tradicional roscón e o diploma, un vale de 50 euros.

Os premios foron entregados polo alcalde, José María Bello Maneiro, o tenente alcalde, Román Castro, e a concelleira Begoña Piñeiro o pasado domingo, durante a Cabalgata de Reis. Con anterioridade, un xurado formado por representantes do Concello e da asociación Amigos do Belén percorreu os beléns inscritos para valorar aspectos coma o seu tamaño, número de pezas, presentación e orixinalidade.