El Correo Gallego

Noticia 7 de 105 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

O IES de Valga clausura o club de lectura coa escritora Arantza Portabales

No encontro farase tamén unha lectura solidaria de poemas de Sesé Mateo, autora vítima da violencia de xénero // O instituto fai un convite a todas as persoas interesadas pola literatura para que asistan o xoves ás 16:30 horas

CONCELLO DE VALGA  | 11.06.2019 
A- A+

Arantza Portabales será a escritora convidada na última sesión deste curso do Club de Lectura do IES de Valga, que terá lugar este xoves ás 16:30 horas. No encontro comentarase o libro “Deixe a súa mensaxe despois do sinal”.

Arantza Portabales (Donostia, 1973) é unha escritora galega filla de emigrantes no País Vasco que regresou coa súa familia a Marín en 1985. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e traballa como funcionaria da Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia.

Comezou a escribir no ano 2013, no xénero do microrrelato. “Deixe a súa mensaxe despois do sinal” é unha historia construída a partir das mensaxes gravadas no contestador automático dun teléfono. A novela foi traducida ao castelán, ao italiano e ao hebreo.

Ademais de comentar esta obra, na sesión do xoves vaise realizar unha lectura solidaria de “No camiño do vento”, poemario escrito por Sesé Mateo. Esta autora de Chapela (1965-2017) foi asasinada pola súa parella nun crime de violencia machista. A recadación polas vendas deste libro, publicado postumamente por iniciativa dos seus fillos, destínase á Fundación Mujeres.

O Club de Lectura do IES fai un convite especial a todas as persoas de Valga e da súa contorna interesadas nas súas actividades para que asistan a este último encontro do curso. Durante os últimos meses, ademais de Portabales, participaron nas sesións do club outros autores como Inma López Silva, Marcos Calveiro e Rosalía Rial.