El Correo Gallego

Noticia 35 de 115 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

O IES de Valga despide, cun acto de graduación, aos alumnos que rematan bacharelato

Unha vintena de estudantes recibiron os diplomas nun evento que se celebrou no Auditorio Municipal // Silvia Pérez e Sara Castaño foron galardoadas cos premios extraordinarios de Ciencias e Humanidades

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 24.05.2019 
A- A+

O IES de Valga despediu na tarde de onte a unha xeración de alumnos que, tras cursar 2º de Bacharelato, rematan a súa etapa no instituto.

O acto de graduación, celebrado no Auditorio Municipal e organizado polo IES coa colaboración da ANPA “Bella Otero”, conxugou a ilusión ante a nova etapa vital que agora comeza para esta xeración de xóvenes valgueses coa nostalxia por despedirse dos que durante os últimos seis anos foron os seus mestres, compañeiros e amigos. “Comeza unha nova fase das vosas vidas que esperamos sexa exitosa”, díxolle a directora do IES, Dolores Rego Balsa, á vintena de estudantes que recibiron os diplomas. A eles pideulles que “vaiades polo mundo conquistándoo e nunca abandonedes a vosa educación”.

Falaron tamén as madriñas da promoción, Julia Sanz, profesora de Matemáticas, e Pilar Buela, mestra de Galego. Esta última reflexionou sobre a satisfacción do deber cumprido. “Estades descubrindo o que significa acadar unha meta, facelo con éxito e polo camino do traballo ben feito e do esforzo. Nunca esquezades o que se sente e que o IES de Valga é xa unha parte imborrable das vosas vidas”.

En representación do alumnado, Carla García e Zoraima Rodríguez apuntaron que o IES de Valga non só xogou un papel importante na súa formación académica, senón tamén “na formación da nosa personalidade”. Agradeceron aos seus mestres que “trataron de ensinarnos o máximo” neste período, ás súas familias “o apoio que sempre nos deron” para culminar con éxito os estudos de Secundaria e Bacharelato e aos seus compañeiros “os momentos inolvidades” compartidos durante esta etapa que remata.

Durante o acto, que foi presentado por Brais Martínez, os alumnos graduados recibiron os seus diplomas e, ademais, entregáronse o Premio Extraordinario de Ciencias “Ángel Carracedo”, que recaeu en Silvia Pérez Vidal, e o Premio Extraordinario de Humanidades e Ciencias Sociais, que recolleu Sara Castaño Barreiro.