El Correo Gallego

Noticia 36 de 140 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

José María Bello Maneiro, reelixido Alcalde de Valga: "Espero que todos, goberno e oposición, loitemos xuntos para que o benestar dos valgueses siga medrando"

Os trece concelleiros elixidos nos comicios do 26 de maio tomaron posesión nun Pleno extraordinario celebrado este mediodía // Dous edís, Malena Isorna e Pedro Calvo, estréanse como membros da Corporación municipal

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 15.06.2019 
A- A+

José María Bello Maneiro foi reelixido este mediodía como alcalde de Valga por oitava lexislatura consecutiva, no transcurso do Pleno extraordinario no que se constituíu a nova Corporación municipal para o período 2019-2023.

Ao comezo da sesión constituiuse unha mesa de idade da que formaron parte os edís electos de maior e menor idade, José María Bello Maneiro e Pedro Calvo Blanco, aos que acompañou o secretario municipal. Esta mesa presidiu a toma de posesión dos trece concelleiros que resultaron elixidos nos comicios locais do pasado 26 de maio. A nova Corporación queda integrada por:

- José María Bello Maneiro (PP)

- Román Castro Castromán (PP)

- María Magdalena Isorna Sumay (PP)

- Carmen Gómez Pardal (PP)

- Pedro Calvo Blanco (PP)

- Agustina Begoña Piñeiro Busto (PP)

- José Ángel Souto Jamardo (PP)

- Manuel Ferreiro Maneiro (PP)

- José Lagos Aboy (PP)

- María Ferreirós Magariños (PSOE)

- Javier Carballo García (PSOE)

- Romina Nieto López (PSOE)

- Manuel Castiñeiras García (Valga Viva)

A continuación procedeuse á votación, a man alzada, do alcalde, resultando elixido con nove votos José María Bello Maneiro, que recibiu o bastón de mando e pronunciou o primeiro discurso do seu novo mandato:

“En primeiro lugar quero dar a noraboa a todos os que fostes elixidos concelleiros nos comicios do pasado 26 de maio, en especial aos que toman posesión por primeira vez: Malena e Pedro.

Despois de 28 anos, é un pracer e unha honra volver a ser elixido alcalde por oitava lexislatura consecutiva e comprobar que os veciños de Valga seguen confiando en nós de forma aplastante para xestionar este Concello.

Grazas a todos eles, especialmente ás 2.358 persoas que seguen depositando en nós a súa confianza. Grazas a toda a candidatura. Grazas aos compañeiros por votarme nas anteriores e nesta ocasión para ser elixido alcalde deste fermoso pobo de Valga, terra da Bella Otero así como de ilustres persoeiros como don Xesús e don Manuel Ferro Couselo e do noso querido Pai Isorna, que nos deixou na lexislatura que acaba de rematar. Seguro que dende alá seguirá pedindo o mellor para os valgueses.

Aos nosos veciños dicímoslles que seguiremos traballando arreo con toda seriedade, responsabilidade e sensibilidade. Pero tamén con toda firmeza e sempre defendendo prioritariamente os intereses dos valgueses. Quédanos un longo camiño por percorrer, moito traballo que facer e moitos proxectos que sacar adiante. Pero xuntos, en equipo, todo será máis fácil.

Nestes días previos á toma de posesión lembraba unha anécdota da primeira lexislatura democrática. Eu tiña 30 anos daquela e quixen ir a ver como se desenvolvía un Pleno na democracia. Levei unha gran decepción porque nese Pleno os representantes de UCD e do PSOE case chegaron ás mans. Prometinme a min mesmo que xamais me metería nesas lides políticas.

Pois xa vedes como son as cousas. Na seguinte lexislatura era tenente alcalde. Podo dicirvos a todos que isto engancha. Cando un equipo se ilusiona cun proxecto e consigue que o pobo mellore, as pilas quedan cargadas ao máximo.

Con ese traballo e a execución deses proxectos algo mellorou en Valga. Por exemplo, naqueles tempos os partidos de fútbol xogábanse en campos de terra e, en moitas ocasións, co terreo de xogo embarrado. Agora temos campos de céspede natural e de herba sintética.

E a pesar diso, tivemos que volver a épocas pasadas e xogar en campo embarrado. E aínda que xa levamos moito tempo adaptados aos campos de nova xeración, soubemos defendernos e volver a gañar a Champions. Despois de 28 anos seguimos gañando nos nove campos deste Concello.

Para rematar, dicir a toda a Corporación que espero e desexo que nesta lexislatura á que hoxe damos comezo, todos (equipo de goberno e oposición) sepamos estar a altura do que este pobo demanda e así loitemos xuntos para que o benestar dos valgueses siga medrando.

Para seguir adiante cos feitos, o noso compromiso seguirá sendo: traballo, traballo e traballo.

Valga, Valga e Valga”.