Lunes 21.10.2019 Actualizado 00:39
Google    

El Correo Gallego

Noticia 65 de 223 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Máis de medio cento de nenos reflexionan sobre os estereotipos de xénero coas aventuras de Daniela Pirata

O contacontos organizado polas bibliotecas foi moi participativo e incluíu xogos, cánticos e outras actividades // O vindeiro luns celébrase na Casa da Cultura de Valga o obradoiro creativo “A escena verbas!”

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 12.08.2019 
A- A+

Os rapaces da Escola de Verán de Valga tiveron esta mañá ocasión de reflexionar sobre os estereotipos de xénero a través do obradoiro “A aventura de Daniela Pirata”, unha actividade organizada polas bibliotecas municipais que se desenvolveu no Auditorio.

Tratouse dun contacontos participativo ao que asistiron máis de medio cento de nenos e mozos de entre 5 e 14 anos, que acompañaron a Daniela na súa loita por converterse nunha auténtica pirata a pesar da oposición do capitán, que non permitía nenas no seu barco.

Os asistentes xogaron, cantaron e loitaron contra a desigualdade superando as mesmas sete probas ás que tivo que enfrontarse Daniela na súa aventura. Porque para ser un bo pirata hai que saber pescar, ser forte coma un carballo, rápido coma un lóstrego, sixiloso coma as serpes, non ter medo a nada, saber preparar unha boa sopa e atopar tesouros perdidos.

Os rapaces valgueses demostraron ser uns verdadeiros piratas e comprobaron, da man de Daniela, que nenos e nenas poden acadar calquera meta que se propoñan con independencia do seu xénero.

Este foi o terceiro obradoiro organizado polas bibliotecas dentro do programa “Ler conta moito”. As actividades estivais de dinamización da lectura rematan o vindeiro luns, 19 de agosto, con “A escena verbas!”. Trátase dun obradoiro con con música, teatro e danza, que promove a creatividade. Terá lugar na Casa da Cultura de Valga a partir das 10:30 horas e con entrada de balde.

Xornada de convivencia no pavillón

Ademais, os rapaces da Escola de Verán participaron o pasado venres nunha xornada de convivencia no pavillón de Baño. Os grupos do Auditorio e da Casa da Cultura reuníronse para desfrutar dunha mañá na que realizaron xogos, actividades deportivas e asistiron a unha clase de zumba.

O obxectivo era que os nenos dos dous grupos interactuasen entre eles, como un anticipo da festa de clausura das actividades que terá lugar a vindeira semana.