El Correo Gallego

Noticia 69 de 105 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Marcela Rodríguez, coa obra “O que Napoleón non se levou”, gaña o premio de teatro “A Guerra da Independencia en Valga”

Será gratificada con 600 euros e a súa montaxe poderá verse o vindeiro 1 de xuño dentro dos actos da recreación da Batalla de Casaldeirigo // É a segunda vez que se proclama vencedora do certame, a anterior en 2017 con “Unha aldea guerreira”

Marcela Rodríguez, primeira pola dereita - FOTO: Concello de Valga
Marcela Rodríguez, primeira pola dereita - FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 23.03.2019 
A- A+

A obra “O que Napoleón non se levou”, escrita por Marcela Rodríguez, proclamouse gañadora do Premio de Teatro “A Guerra da Independencia en Valga”, que anualmente convoca o Concello para rememorar a revolta popular dos veciños de Casaldeirigo contra o exército francés acontecida no ano 1809, durante a Guerra de Independencia.

Trátase dunha montaxe que recupera o protagonismo de personaxes históricos como Napoleón Bonaparte ou o rei Carlos IV e que ofrece dous puntos de vista sobre os mesmos acontecementos: o dos soldados franceses, no seu intento de conquistar España, e o dos campesinos e veciños de Casaldeirigo, que idean as tácticas máis inverosímiles para intentar frear o avance das tropas napoleónicas. “A obra ten máis contido histórico que outras que se teñen representado en edicións anteriores da Batalla e, nese sentido, é diferente e sáese un pouco da pauta”, explica a autora.

A Escola Municipal de Teatro e veciños de Casaldeirigo serán os encargados de representala o vindeiro 1 de xuño, dentro dos actos da undécima edición da Recreación da Batalla de Casaldeirigo. “Escribín a obra a propósito para este premio, creando protagonistas con personalidades moi marcadas, e penso que vai ser fácil de representar para os actores afeccionados”, explica Marcela Rodríguez. Pola súa parte, o director da Escola de Teatro, Manuel Solla, avanza que a vindeira semana comezarán a traballar na obra, co reparto de papeis e os primeiros ensaios.

É a segunda vez que Marcela Rodríguez gaña o Premio de Teatro “A Guerra da Independencia en Valga”, a anterior en 2017 con “Unha aldea guerreira”. Aos seus 18 anos, leva tempo vencellada ao mundo do teatro e actualmente está inmersa no proxecto “Compostela en Escena”, ao tempo que realiza un curso de doblaxe e prepara as probas de acceso a ciclos.

Como vencedora recibirá unha gratificación de 600 euros e colaborará na dirección da obra, reservándose o Concello os os dereitos de reproducción, distribución, comunicación pública e transformación en todo o territorio da Unión Europea para a súa explotación, execución teatral, edición e produción.