El Correo Gallego

Noticia 45 de 173 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

O módulo de forestais do Obradoiro de Emprego realiza traballos de acondicionamento no Miradoiro de Beiro

Limparon as escaleiras de acceso e zonas empedradas, ademais de executar desbroces, podas e plantación de árbores // O alcalde e a concelleira de Emprego visitaron a zona para comprobar o resultado das obras

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 09.07.2019 
A- A+

Os dez alumnos do módulo de forestais do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia III están executando traballos de mellora e acondicionamento no Miradoiro de Beiro e no seu entorno.

As tarefas consisten en desbroces e limpezas manuais e con desbrozadora, sega e rastrillado de follas. Ademais, evaron a cabo podas de formación, de mantemento e de rehabilitación, plantaron especies arbóreas e tamén realizaron queimas controladas cos restos das podas e limpezas.

Os traballos incluíron a limpeza con máquina hidrolimpadora de todas as escaleiras de acceso e da zona empedrada xunto ao muíño de vento, polo que o entorno ofrece agora unha imaxe coidada e limpa para todos os veciños e visitantes que queiran achegarse a esta área de lecer e esparexemento.

O alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira de Formación e Emprego, Carmen Gómez, e a directora do Obradoiro, Mª Carmen Vidal, visitaron esta semana a zona para comprobar o desenvolvemento e os resultados da actuación.

O Obradoiro Ulla-Umia III, que deu comezo a mediados de novembro de 2018, atópase xa no seu oitavo mes de actividade. “A estas alturas os alumnos traballan con moita autonomía e coas destrezas propias das dúas especialidades, albanelería e forestais, que foron adquirindo durante este tempo nas sesións teórico prácticas nas aulas e talleres. O obxectivo final é favorecer a súa inserción no mercado laboral”, explica a directora.

O proxecto formativo prolongarase ata comezos do mes de agosto coa participación de dez desempregados de Valga e outros tantos de Moraña. A Xunta de Galicia aportou 288.807 euros para financialo, mentras que os concellos de Valga e Moraña sufragan os materiais para as obras que se están a executar nos respectivos municipios.

No caso de Valga, os alumnos de albanelería realizaron melloras no pavillón municipal de Beiro, traballos de acondicionamento no Edificio Administrativo e están executando a ampliación do ximnasio municipal. Pola súa parte, o módulo de forestais traballou no Camiño de Santiago e na área lúdica de Vilarello, ademais do xa citado Miradoiro de Beiro.