El Correo Gallego

Noticia 76 de 165 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Os permisos para as fogueiras de San Xoán poden tramitarse ata o 21 de xuño

O responsable da fogata debe cubrir un impreso comprometéndose a adoptar as medidas de seguridade necesarias // Os servizos de emerxencias realizarán un seguemento durante a noite do 23 de xuño para previr posibles incidencias

CONCELLO DE VALGA  | 05.06.2019 
A- A+

O Concello de Valga ten aberto o prazo de solicitude de permisos para prender as tradicionais fogueiras na noite de San Xoán, do 23 ao 24 de xuño.

As persoas interesadas deben acudir, co seu DNI, ás oficinas municipais e cubrir un impreso comprometéndose a adoptar as medidas de seguridade precisas e indicando a parroquia e o lugar nos que se acenderá a fogata, que quedará baixo a súa responsabilidade.

O prazo para tramitar as autorizacións permanecerá aberto ata o xoves 21 de xuño.

O listado completo de solicitudes será posto en coñecemento do xefe provincial do Servizo de Defensa contra incendios do Distrito Forestal XIX Caldas-Salnés, así como dos servizos de emerxencias, que durante a noite de San Xoán, farán un seguemento das fogueiras para garantir que non se produzan incidentes.

O Concello de Valga fai unha serie de RECOMENDACIÓNS aos veciños que vaian a celebrar o San Xoán co acendido de fogatas:

Por mor da seguridade non fagan moreas dunha altura excesivamente elevada
Non fagan a fogueira preto de lugares con vexetación
Con exceso de vento non prendan a fogueira
Eviten usar nas fogatas materiais que co vento poidan provocar un incendio (ramas de eucalipto, papeis, etc.)
Procuren ter auga preto para actuar ante posibles escapes do lume
Non utilicen na fogueira materiais contaminantes (pneumáticos, aerosois, etc.)
Deixen a fogueira completamente apagada antes de marchar
Lembre que no caso de ter problemas debe chamar ao 085 ou ao 112 (a chamada é gratuíta)
Neste ano o día de San Xoán foi designado como festivo de carácter local polo Pleno.