El Correo Gallego

Noticia 115 de 320 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

O pleno aproba por unanimidade a personación do concello na causa xudicial polos asasinatos de Sandra e Alba Boquete e María Elena Jamardo

A asesoría xurídica solicitará no Xulgado poder tomar parte no proceso como acusación pública exercendo a acción popular // O obxectivo é defender os intereses xerais da veciñanza e, en concreto, da familia das vítimas

CONCELLO DE VALGA  | 03.10.2019 
A- A+

A Corporación municipal aprobou por unanimidade a personación do Concello de Valga no proceso xudicial aberto tralos asasinatos das veciñas Sandra e Alba Boquete Jamardo e María Elena Jamardo Figueroa, acontecidos o pasado 16 de setembro.

O acordo adoptouse no Pleno ordinario celebrado onte pola tarde a proposta do equipo de goberno. O obxectivo é poder defender os intereses xerais da veciñanza de Valga e, en particular, da familia das tres mulleres asasinadas.

Os servizos xurídicos do Concello solicitarán agora ante o Xulgado de Primeira Instancia de Caldas de Reis, encargado da instrución do caso, poder tomar parte no proceso en calidade de acusación pública exercendo a acción popular.

Festivos locais para o ano 2020

Na mesma sesión foron aprobados, tamén por unanimidade, os festivos locais para o vindeiro ano 2020. Serán o luns 3 de febreiro, festividade de San Brais, e o venres 28 de agosto, coincidindo coa celebración dos Milagres.