El Correo Gallego

Noticia 85 de 190 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

O prazo de inscrición para participar nas Olimpíadas da Aldea está aberto dende hoxe e ata o 4 de xullo

Brilé, Xirarei, Carretilla, Esquís Cooperativos, Turrasoga e Mundialito de Fútbol serán os xogos que se disputen o día 6 de xullo // Repartiranse uns 2.000 euros en premios entre os participantes

CONCELLO DE VALGA  | 17.06.2019 
A- A+

Valga celebra na fin de semana do 6 e o 7 de xullo a décimo cuarta edición da Festa da Xuventude, que ten como unha das actividades de maior participación veciñal as Olimpíadas da Aldea. Disputaranse un total de seis xogos: o Mundialito de Fútbol, Brilé, Xirarei, Carretilla, Esquís Cooperativos e Turrasoga.

A Concellería de Cultura ten aberto dende hoxe o prazo de inscrición para os equipos que queiran participar. O trámite pode facerse, presencialmente ou por teléfono, nas oficinas do Concello ou no Auditorio Municipal por parte dun representante de cada equipo, que deberá facilitar no momento da inscrición a relación completa de integrantes do seu grupo.

Os integrantes dos equipos deben ser de Valga admitíndose só dúas excepcións por equipo. Segundo establecen as bases, considérase que é de Valga calquera persoa empadroada na vila ou que estivera censada durante 10 ou máis anos, aínda que actualmente non o estea.

O prazo de inscrición pecharase ás 15 horas do día 4 xullo, non admitíndose ningún equipo despois desta hora.

Para participar nos torneos, tanto femininos como masculinos, de Brilé, Carretilla, Esquís Cooperativos, Turrasoga e Xirarei precísanse conxuntos de catro xogadores titulares máis dous suplentes. Os premios en todas estas competicións ascenderán a 150 euros para os primeiros clasificados e 75 para os segundos.

O Mundialito de Fútbol, no que tamén se manteñen as categorías masculina e feminina, disputarano equipos de tres xogadores titulares e dous suplentes. Os campións serán gratificados con 200 euros e os segundos clasificados con 100, ademais das correspondentes medallas.

Outorgarase, ademais, un premio á deportividade.

As Olimpíadas disputaranse na praia fluvial de Vilarello durante a xornada do sábado, 6 de xuño, incluídas as finais. A aldea que acumule máis medallas será a gañadora absoluta da competición. Na última edición os equipos feminino de Forno e masculino de Vilarello foron os máis laureados.