El Correo Gallego

Noticia 41 de 105 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

A rede de fibra óptica de máis de 100 megas amplíase a once novos núcleos das cinco parroquias de Valga

Durante este ano estase a despregar a banda larga en Ferreirós, Forno, A Devesa, Torre, Vilar, Casaldeirigo, Pontevalga, Baño, Carballiño, Senín e Sixto // Entre 2019 e 2020 dotarase tamén de cobertura aos lugares de Coto, Desabanda, Campo e Medela

CONCELLO DE VALGA  | 30.04.2019 
A- A+

O alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, mantivo este luns un encontro con responsables da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) no que se informou sobre a ampliación das redes de banda larga ultrarrápida no municipio, no marco do Plan de Banda Larga de Galicia 2020, impulsado pola Xunta, e doutras iniciativas do Goberno de España.

As iniciativas de ambas administracións permitirán que durante este ano 2019 se dote de rede de fibra óptica de máis de 100 megabytes por segundo (Mbps) a un total de once núcleos de Valga repartidos polas cinco parroquias. Será a través dunha subvención á empresa Telefónica e beneficiará aos lugares de Torre e A Devesa na parroquia de Campaña; Ferreirós, Forno e Vilar en Cordeiro; Baño, Carballiño, Senín e Sixto en Xanza; Pontevalga en San Miguel de Valga; e Casaldeirigo na parroquia de Setecoros. Estes núcleos representan o 49’5% da poboación do concello.

Ademais, entre 2019 e 2020 continuarase co despregamento da banda larga ultrarrápida a través do operador R, que ampliará as redes de 100 Mbps aos lugares de O Coto (Campaña), Desabanda (Valga), Campo e Medela (Xanza), nos que reside case o 7% da poboación valguesa.

“Aínda quedan pendentes de dotar cobertura outros lugares do municipio e xa estamos estudando distintas alternativas para achegar a banda larga aos núcleos nos que existen maiores problemas de conexión”, explicou o alcalde trala reunión na Amtega.

O obxectivo é continuar reforzando a inclusión tecnolóxica da poboación valguesa poñendo á súa disposición redes de última xeración para garantir o seu acceso aos cada vez máis sofisticados servizos dixitais. Neste sentido, Bello Maneiro lembra que nos últimos tempos xa se dotou de redes de máis de 100 Mbps a oito centros educativos da vila: os colexios Baño-Xanza e Xesús Ferro Couselo, o IES de Valga e as escolas unitarias de Ferreirós, Chenlo, Forno, Vilarello e Xanza.