El Correo Gallego

Noticia 129 de 141 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

josé maría bello maneiro, Alcalde de Valga

"Os servizos básicos coparon o gasto das últimas lexislaturas"

{Cordeiro,Valga, 1949} Despois de vinte e oito anos á fronte da política municipal valguesa, o seu rexedor pasou revista á actualidade nacional, galega e local, analizando os próximos comicios de maio e valorando o traballo realizado durante os últimos anos.

O alcalde na súa visita á sede de EL CORREO GALLEGO - FOTO: ECG
O alcalde na súa visita á sede de EL CORREO GALLEGO - FOTO: ECG

BRAIS FDEZ.  | 01.03.2019 
A- A+

Cunha conciencia xeneralizada da era da globalización e o mundo dixital. Como marcan estes aspectos a vida municipal?

Son avances que dependen moito de se o concello é máis de interior ou máis de zona urbana. No noso caso, creo que é moi importante que cada vez se introduza máis todo o relativo a dixitalización, algo que percibimos co aumento de visitas á páxina web oficial.

Debido a situación económica actual, cre que os mozos vivirán peor no futuro?

Agardo que non. Os responsables dos concellos debemos encamiñarnos a que a nosa xuventude estea mellor ao que nós vivimos. Estamos nunha situación de impás, cun pequeno estancamento, malia que en Valga, co seu potencial industrial, non temos os problemas doutros, pero co esforzo de todos creo que deberíamos seguir mellorando. Polo menos, pola nosa parte, estamos loitando para que a xuventude conte coa maior cantidade de servizos, que estea cómoda e que se sinta ben.

A súa emigración a outros lugares cada vez é máis común?

Efectivamente, iso está ocorrendo e xustamente coa xente máis preparada. Hai algunha profesión que as nosas empresas teñen cubertas, con practicamente ningunha persoa no paro, pero hai outras nas que si que teñen que emigrar e buscar a oportunidade noutros lugares, mesmo fóra de Galicia.

Pasando ao plano político, a situación de inestabilidade afectará nas próximas eleccións?

Penso que vai afectar, pero non tanto nas municipais. O malestar pode influír á hora de deixar de votar, con máis abstención, pola forma na que se está desenvolvendo a política. Hai moitas discusións que non deberían existir e eu sempre digo que hai que ter sentido común, que polo moito que levo andado neste mundo, emprégase ben pouco.

No relativo ao seu mandato, como foi a última lexislatura?

Tanto esta lexislatura como a anterior foron bastante complicadas. Nelas, tivemos que dedicarnos, maioritariamente, a ampliar os servizos aos nosos veciños, especialmente o abastecemento de augas, que o temos para toda a poboación, e o saneamento, que está presente nun 90 %.

Foi este o seu principal escollo nos últimos anos?

Así é. Tanto un como o outro son servizos nos que se hai que esforzar, xa que debemos dar- lle esa calidade de vida a todos os veciños, vivan onde vivan. Con todo, facían falta máis axudas dos entes superiores, e cun repar- to máis equitativo, porque en municipios diseminados como o noso o custe para 25 vivendas ascende a 300.000 euros, polos 800 que vale nun edificio urbano.

Como fixeron para compaxinar este gasto cos outros?

Por sorte, e presumo diso, estamos en boa liña grazas á xestión realizada. Afanámonos nestes últimos anos en facer isto, e témolo case todo completado, pero á súa vez non puidemos lucirnos noutras cousas que venden moito máis. O saneamento non se ve e cando se ten xa tiña que ser, pero para nós era elemental contar con eses servizos básicos e damos por ben empregados os cartos públicos. Moitos outros concellos, do seu orzamento, están obrigados a empregar parte para pagar facturas ou intereses de créditos, e en cambio nós temos cero no caixón. E todo iso, cos impostos mínimos aos nosos veciños.

Con todo, destacan tamén pola súa aposta pola cultura?

A nivel de cultura e mellora de servizos sociais síntome cheo e moi orgulloso. Cando chegamos, en Valga non había ningunha casa da cultura e agora hai un local en cada parroquia, con dous auditorios. Ademais, os nenos e nenas poden estudar desde os 0 anos até a Universidade no noso Concello, cando antes facían o Bacharelato en Padrón, e non so iso, senón que tamén contamos con Formación Profesional, saíndo colocados en profesións moi demandadas como soldadura ou construcións metálicas. E para rematar, dispoñemos dun centro de saúde que funciona as 24 horas do día, algo que non se pode comparar con ningunha municipalidade de 6.000 habitantes; un centro de día; un local de exposicións, que está reservado para todo o 2019; e un museo da historia, con pezas moi valiosas.

Hai algunha medida que lle faga especial ilusión?

Si. Estamos moi orgullosos do edificio que foi construído única e exclusivamente para as persoas con diversidade funcional. Hai máis de vinte, de todas as idades, onde temos desde un taller de reciclaxe de aparatos eléctricos e electrónicos, ata un invernadoiro, onde realizan plantacións. Con todo, neste proxecto tivemos unha falta de achega económica por parte da Deputación de Pontevedra, masacrándonos nese sentido, pero vendo a evolución, mereceu a pena soportar todos os gastos.

E que pode dicir da repercusión da música na vila?

Cunha poboación de 6.000 persoas, semella incrible que contemos cunha escola de música de 250 alumnos, que veñen mesmo doutras zonas, e con 18 profesores, un para cada instrumento; ademais dunha banda municipal con 80 rapaces, todos menores de 23 anos. Igualmente, agora imos levar ao pleno a creación dun Conservatorio Superior, un ente que solo o hai en Santiago, A Coruña e Vigo, e non é ningunha broma ou porque haxa eleccións.

Polo tanto, prevé un futuro máis próspero?

Está claro. A partir de agora, coas necesidades fundamentais abarcadas, con todos os accesos á vivenda con estradas asfaltadas e coa iluminación pública farán que o próximo mandato sexa moito máis sinxelo.

Que lle diría entón aos veciños para que repitan a súa votación?

Dígolle aos veciños que fagan unha lectura xeral do que se fixo non só nestes catro anos, senón tamén nos anteriores. Que valoren eses labores que non se aprecian tanto, porque antes non se precisaban, e que pensen nas taxas que pagan, porque foi grazas ao esforzo de todos.

Polas súas verbas, pensan que haberá unha oitava vez?

Temos confianza plena no traballo que fixemos, pero o que importa é que os cidadáns o saiban estimar. Síntome moi orgulloso de todo o que se logrou. Queda moito por diante, pero sabendo que tamén nos equivocamos, imos corrixindo e aprendendo. Por iso, o único que quero reiterar son as grazas pola confianza até o de agora, e se trocan de idea, vou respectar o que decidan, malia que non o comparta.