El Correo Gallego

Noticia 3 de 190 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Sesenta e seis persoas participaron na ruta de sendeirismo "Vista panorámica do Val do Ulla"

Os camiñantes percorreron as parroquias de Cordeiro e Setecoros, con paradas no miradoiro de Fontebecha, a igrexa do Divino Salvador e o cruceiro de Cerneira // A actividade enmarcouse no programa “Goza do Ulla”, para promocionar o valioso partrimonio vencellado a este río

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 09.09.2019 
A- A+

Sesenta e seis persoas participaron o sábado na ruta de sendeirismo “Vista panorámica do Val do Ulla”, que discorreu polas parroquias de Cordeiro e Setecoros e coa que se puxo en valor parte do valioso patrimonio natural e cultural vencellado ao río Ulla co que conta Valga.

A camiñata, duns dez quilómetros de lonxitude e dificultade media-alta, tivo como punto de partida o colexio Xesús Ferro Couselo. O técnico municipal Santiago Chenlo, responsable do Museo da Historia, guiou aos participantes ata o miradoiro do monte Fontebecha, onde se realizou a primeira parada. Dende este enclave divísanse unhas fermosas panorámicas da desembocadura do río Ulla e da Ría de Arousa.

A continuación, os camiñantes baixaron ata o lugar de Eirexe para visitar a igrexa parroquial de San Salvador, que data do século XVI e posúe unha fachada neoclásica. Os seus principais atractivos son o singular retablo de época barroca e os capiteis prerrománicos de mármore que se conservan. A carón do templo atópase, ademais, o Oliveiral da Concordia, unha plantación con arredor de 800 oliveiras de distintas variedades.

O percorrido circular continou avanzando ata o lugar de Cerneira para deterse ao carón do cruceiro máis antigo de Valga, que data do ano 1670. Esta foi a última parada da ruta, que formou parte do programa “Goza do Ulla”, unha iniciativa que promociona os territorios bañados polas augas deste río ao longo dos seus 130 quilómetros de lonxitude, dende o nacemento en Antas de Ulla ata a desembocadura en Vilagarcía de Arousa.