Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Trescentos estudantes de Valga e da contorna asistiron no auditorio ao concerto didáctico "Deriva"

Acudiron alumnos dos colexios Baño-Xanza e Ferro Couselo e dos institutos de Valga e Padrón // Catro músicos interpretaron temas das compositoras Lula Romero, Katharina Rosenberger e Victoria Cheah

O ciclo de concertos “En Ruta”, que se enmarca no programa “O teu Xacobeo”, organizado pola Xunta de Galicia para promover actividades de dinamización na antesala do Ano Santo 2021, desembarcou no Auditorio de Valga coa proposta musical “Deriva”.

O domingo pola tarde celebrouse unha primeira sesión aberta ao público e esta mañá tivo lugar unha función didáctica coa presenza de máis de trescentos estudantes de catro centros educativos de Valga e da contorna: o CEIP Plurilingüe Baño-Xanza, o CEP Plurilingüe Xesús Ferro Couselo, IES de Valga e o instituto Camilo José Cela de Padrón.

“Deriva” reivindicou a importancia do canto como vehículo de comunicación no Camiño dende a Idade Media e, en concreto, das mulleres poetas cuias achegas quedaron practicamente reducidas a anécdotas e raras veces se recolleron na historia da literatura medieval.

O concerto correu a cargo de catro músicos –a frautista Clara Saleiro, o percusionista Diego Ventoso, o pianista David Durán e Pablo Coello co saxofón–, que interpretaron temas da compositora galega Lula Romero, da suíza Katharina Rosenberger e da norteamericana Victoria Cheah.

08 oct 2019 / 00:36
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito