El Correo Gallego

Noticia 71 de 190 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Un novo espectáculo de Santi Serra e a "Festa do Perregrino" con sardiñada, xogos e orquesta completan o cartel da Festa da Xuventude

Os menores de 12 anos, que terán prohibida a entrada á solta de vaquiñas, contarán con colchonetas e touro mecánico o domingo pola tarde // O prazo de inscrición nas Olimpíadas da Aldea está aberto ata o vindeiro xoves, 4 de xullo

CONCELLO DE VALGA  | 01.07.2019 
A- A+

A Festa da Xuventude, que se celebra os días 6 e 7 de xullo na praia fluvial de Vilarello, ten xa pechado o programa de actividades. Ás xa anunciadas Olimpíadas da Aldea e á tradicional solta de vaquiñas, súmanse a “Festa do peregrino”, con sardiñada popular e verbena na noite do sábado e actividades para os máis pequenos o domingo pola tarde. O cartel complétase coa actuación do adestrador de cabalos Santi Serra.

A programación arrancará o sábado 6 coas Olimpíadas da Aldea, que repartirán case 3.000 euros en premios entre os equipos participantes. O prazo de inscrición está aberto tanto no Concello como no Auditorio ata o día 4 de xullo.

Para participar nos torneos, tanto femininos como masculinos, de Brilé, Carretilla, Esquís Cooperativos, Turrasoga e Xirarei precísanse conxuntos de catro xogadores titulares máis dous suplentes. Os premios en todas estas competicións ascenderán a 150 euros para os primeiros clasificados e 75 para os segundos.

O Mundialito de Fútbol, no que tamén se manteñen as categorías masculina e feminina, disputarano equipos de tres xogadores titulares e dous suplentes. Os campións serán gratificados con 200 euros e os segundos clasificados con 100.

Os integrantes dos equipos deben ser de Valga admitíndose só dúas excepcións por equipo. Segundo establecen as bases, considérase que é de Valga calquera persoa empadroada na vila ou que estivera censada durante 10 ou máis anos, aínda que actualmente non o estea.

Ao rematar os xogos, arredor das 21:30 horas, dará comezo a “Festa do Peregrino”, cunha sardiñada popular gratuíta para os participantes e tamén para todos os veciños e visitantes que queiran sumarse. A continuación haberá verbena con Costa Oeste, orquestra revelación de 2019.

Na xornada do domingo, a partir das 16:30 horas, os máis cativos poderán divertirse con inchables e touro mecánico.

Será arredor das 18 horas cando dea comezo a solta de vaquiñas, con Rodadora e Danzarina, dúas reses da gandería Pecar Agropecuaria de Valladolid. Ademais dos afeccionados e espontáneos locais, recortadores profesionais ofrecerán durante a tarde un repertorio de saltos, recortes e caneos. Emilio Colmenero será de novo o director da lida, que conta con todos os permisos e autorizacións que establece a lexislación.

Tal e como establece a Lei de Espectáculos de Galicia, á solta de vaquiñas terán prohibida a entrada os menores de 12 anos, que mentras dure o espectáculo, terán á súa disposición as colchonetas e o touro mecánico.

Unha vez rematada a solta, repetirá participación na Festa da Xuventude o adestrador de cabalos Santi Serra, debido ao éxito que colleitou na última edición. Chegará a Vilarello cun espectáculo totalmente renovado baseado na doma pacífica, unha disciplina coa que consegue crear un vínculo físico e psíquico de entendemento cos animais.

Santi Serra, cabeza visible da compañía Sercam Shows, medrou entre cabalos e comezou dende mozo a estudar o seu comportamento para comprender como interactuar con eles e converterse no líder da manada de forma natural. A técnica que emprega consiste en exercicios curtos, nos que se ten en conta o ánimo e a personalidade do animal e a partir dos que se establece un xogo baseado na diversión e liberdade, sen fustas ou rendas.

Aínda que debutou en 2007, foi o seu éxitoso paso polo programa “Tú sí que vales” anos máis tarde o que lle valeu as maiores cotas de recoñecemento en España e lle axudou a dar o salto ao escaparate internacional. Os seus animais son, ademais, especialistas en rodaxes. Teñen participado en películas, curtometraxes, anuncios publicitarios e videoclips.