El Correo Gallego

Noticia 20 de 190 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Valga abre o prazo de inscrición na ruta de sendeirismo “Goza do Ulla”

“Vista panorámica do val do Ulla” levará aos participantes ata o monte Fontebecha, á igrexa de Setecoros e ao cruceiro máis antigo do municipio // O percorrido, de dez quilómetros de lonxitude, é de dificultade media-alta

CONCELLO DE VALGA  | 21.08.2019 
A- A+

O Concello de Valga ten aberto o prazo de inscrición na ruta de sendeirismo “Vista panorámica do val do Ulla”, que terá lugar o vindeiro 7 de setembro dentro do programa “Goza do Ulla”, co que se quere poñer en valor e promocionar o valioso patrimonio natural e cultural dos territorios bañados polas augas deste río. O período para anotarse pecharase o xoves 5 de setembro ás 14 horas e o trámite pode realizarse nas oficinas do Concello, no Auditorio Municipal ou a través do correo electrónico turismo@valga.gal.

A ruta circular “Vista panorámica do val do Ulla” ten uns dez quilómetros de lonxitude e dificultade media-alta. O punto de saída será o colexio Xesús Ferro Couselo de Cordeiro con dirección ao miradoiro do monte Fontebecha, entre Cordeiro e Cerneira, dende o que se divisan unhas espectaculares panorámicas da desembocadura do río Ulla e da Ría de Arousa.

A continuación, os camiñantes baixarán ao lugar de Eirexe para visitar a igrexa parroquial de San Salvador, que data do século XVI e posúe unha fachada neoclásica. Os seus principais atractivos residen no seu singular retablo de época barroca e nos capiteis prerrománicos de mármore que se conservan. A carón do templo atópase o Oliveiral da Concordia, unha plantación con arredor de 800 oliveiras de distintas variedades.

A última parada da ruta será en Cerneira, onde se atopa o cruceiro máis antigo de Valga, que data do ano 1670.

O percorrido completo terá unha duración de entre tres e catro horas.