El Correo Gallego

Noticia 116 de 140 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Valga decreta tres días de loito en memoria de María José Aboy Guimarey e de todas as vítimas da violencia de xénero

Fai un chamamento á veciñanza para que denuncie calquera situación coñecida de maltrato co fin de evitar máis asasinatos // O Centro de Información á Muller ofrece asesoramento psicolóxico e xurídico gratuíto ás vítimas de violencia machista

CONCELLO DE VALGA  | 11.03.2019 
A- A+

O Pleno do Concello de Valga, reunido de forma extraordinaria e urxente, decretou tres días de loito oficial no municipio en memoria de María José Aboy Guimarey e de todas as vítimas da violencia de xénero. Dende esta mañá as bandeiras dos edificios públicos ondean a medio mastro e con crespóns negros en sinal de dó e quedan suspendidas, así mesmo, todas as actividades municipais que estaban previstas durante estes tres días de loito.

Os dous grupos políticos que conforman a Corporación, o Partido Popular e o Partido Socialista, consensuaron unha declaración conxunta de condena do crime machista que lle custou a vida á nosa veciña María José Aboy e de rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres, apelando ao traballo conxunto entre as institucións e a cidadanía para erradicar esta lacra que afecta de xeito dramático á nosa sociedade e que é a expresión máxima da desigualdade de xénero.

O acordo plenario ao que deron lectura a concelleira de Igualdade, Begoña Piñeiro, e o alcalde, José María Bello Maneiro, reafirma o compromiso total do Concello de Valga contra a violencia machista, prestando atención social e apoio ás vítimas e ás súas familias, traballando coordinadamente con outras institucións para erradicar esta lacra social e promovendo actividades e actuacións de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero.

Ponse a disposición de todas as valguesas e tamén veciñas dos municipios limítrofes os recursos do Centro de Información á Muller (CIM), que ofrece asesoramento psicolóxico e xurídico gratuíto a vítimas da violencia de xénero, e faise un chamamento a toda a cidadanía para que denuncie ante os Servizos Sociais do Concello, o CIM, as autoridades policiais ou no teléfono contra o maltrato 016 calquera situación coñecida de violencia de xénero co fin de evitar novas vítimas.

Unha vez rematado o Pleno, tivo lugar unha concentración ás portas da Casa Consistorial na que se gardou un minuto de silencio. Aos actos asistiu Marta Mariño, en representación da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta. Participaron os membros da Corporación, traballadores municipais, os directores dos centros educativos de Infantil e Primaria da vila, alumnado e profesorado de ciclos do IES de Valga e veciños que expresaron, deste xeito, a súa condena e consternación por este crime machista e o seu apoio á familia da vítima.

Rematada a concentración silenciosa, o alcalde, as concelleiras de Igualdade e Educación e outros membros da Corporación trasladáronse ao IES de Valga, onde toda a comunidade educativa se concentrou para gardar un minuto de silencio en recordo de María José Aboy Guimarey.