El Correo Gallego

Noticia 52 de 105 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Valga deseña unha ruta entre Cordeiro e Setecoros para o programa turístico "Goza do Ulla"

Os participantes visitarán o monte Fontebecha, a igrexa de San Salvador e o cruceiro máis antigo do municipio // O percorrido, de dez quilómetros de lonxitude, é de dificultade media-alta

CONCELLO DE VALGA  | 16.04.2019 
A- A+

O Concello de Valga participa un ano máis no programa “Goza do Ulla”, co que se quere poñer en valor e promocionar o valioso patrimonio natural e cultural dos territorios bañados polas augas deste río ao longo dos seus 130 quilómetros dende o nacemento en Antas de Ulla ata a desembocadura en Vilagarcía de Arousa.

O programa coas rutas de sendeirismo propostas polos vinte concellos participantes xa está pechado e Valga deseñou para a ocasión un percorrido polas parroquias de Cordeiro e Setecoros que levará aos participantes a gozar dunhas fermosas vistas da desembocadura do Ulla e a coñecer algunhas das xoias patrimoniais da zona como a igrexa do Divino Salvador ou o cruceiro máis antigo do municipio. A data elixida para a camiñata é o sábado 7 de setembro.

“Vista panorámica do val do Ulla” é o nome da ruta circular, duns dez quilómetros de lonxitude e dificultade media-alta. O punto de saída será o colexio Xesús Ferro Couselo de Cordeiro con dirección ao miradoiro do monte Fontebecha, entre Cordeiro e Cerneira, dende o que se divisan unhas espectaculares panorámicas da desembocadura do río Ulla e da Ría de Arousa.

A continuación, os camiñantes baixarán ao lugar de Eirexe para visitar a igrexa parroquial de San Salvador, que data do século XVI e posúe unha fachada neoclásica. Os seus principais atractivos residen no seu singular retablo de época barroca e nos capiteis prerrománicos de mármore que se conservan. A carón do templo atópase o Oliveiral da Concordia, unha plantación con arredor de 800 oliveiras de distintas variedades.

A última parada da ruta será en Cerneira, onde se atopa o cruceiro máis antigo de Valga, que data do ano 1670.

O percorrido completo terá unha duración de entre tres e catro horas.