El Correo Gallego

Noticia 14 de 190 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Valga instalará na Festa da Anguía un Punto Violeta contra a violencia de xénero

Unha carpa con material divulgativo e profesionais con experiencia ofrecerá información e asesoramento a partir das 20:30 horas do sábado // Esta iniciativa lévase a cabo en colaboración coa Asociación de Mulleres en Igualdade de Vigo

CONCELLO DE VALGA  | 27.08.2019 
A- A+

O Concello de Valga, en colaboración coa Asociación de Mulleres en Igualdade de Vigo, instalará o vindeiro sábado 31 na Festa da Anguía e Mostra da Caña do País un Punto Violeta, un espazo contra a violencia de xénero, con varios propósitos:

- Sensibilización para concienciar á cidadanía de que as relacións afectivas deben ser sempre consentidas, libres, física e psicoloxicamente seguras e en condicións de igualdade.

- Información sobre as distintas campañas no eido da igualdade e a prevención da violencia de xénero que están a levar a cabo as diferentes administracións e sobre os diversos servizos que teñen á súa disposición as mulleres tanto para informarse como para solicitar axuda.

- Prevención de agresións e comportamentos que provoquen nas mulleres presentes no evento malestar, inseguridade ou medo e mediando ante eventuais conflitos.

- Atención, intervención e acompañamento ás posibles agredidas de maneira inmediata e a cargo de persoal formado, velando polo seu benestar dende o respecto á súa vontade persoal e tendo en consideración sempre a súa intimidade e anonimato.

- Asesoramento á vítima sobre cómo interpoñer unha denuncia contra o agresor/es e informala sobre as denuncias de oficio que poden poñer os propios servizos sanitarios ou policiais.

O Concello e a asociación coinciden en que os intres e contornas de esparexemento que ofrecen as festas populares e o ocio nocturno son moi propicios para establecer vínculos de amizade e afectivos, pero como sociedade moderna e igualitaria, débese dotar á xuventude de ámbitos e oportunidades de ocio seguras e de confianza, independentemente do seu sexo ou orientación sexual. As administracións deben aproveitar esa receptividade que se está a visibilizar nos últimos anos para traballar en iniciativas de sensibilización, prevención e intervención, que nos acheguen a un futuro no que as desigualdades e as agresións poidan considerarse como casos excepcionais e universalmente rexeitables.

A Asociación Mulleres en Igualdade instalará no recinto da Festa unha carpa debidamente sinalizada dende as 20:30 horas, na que contará con diverso material divulgativo e que estará permanentemente atendida por profesionais e voluntarias con formación e experiencia na atención psicolóxica a vítimas de violencia de xénero e técnicas en igualdade, contando co apoio e colaboración dos servizos do propio Concello. Este colectivo conta xa con experiencia na prestación deste servizo, ademais de estar levando a cabo, entre outras actividades, a terceira edición do proxecto “Violencia de Xénero: unha realidade oculta” para a Xunta de Galicia, a través do que pretende concienciar á veciñanza da provincia de Pontevedra sobre a necesidade de implicarse na loita contra esa lacra á vez que ofrece ás vítimas destas agresións asistencia psicolóxica e legal.