El Correo Gallego

Noticia 74 de 190 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Valga organiza dous cursos de monitor de tempo libre e manipulador de alimentos

O prazo de inscrición xa está aberto, tendo preferencia as persoas empadroadas en Valga // Os interesados poden dirixirse ao servizo municipal de Formación, Orientación e Emprego ou ao Auditorio

CONCELLO DE VALGA  | 27.06.2019 
A- A+

O Concello de Valga organiza dúas novas actividades formativas: un curso de monitor de tempo libre e outro de manipulador de alimentos para os que xa está aberto o prazo de inscrición tanto nas oficinas do Concello (no servizo de Formación, Orientación e Emprego) como no Auditorio Municipal.

O curso homologado de monitor de actividades de tempo libre está orientado a dotar aos asistentes dos coñecementos necesarios para poder exercer como monitor profesional nos ámbitos tanto público como privado, nas áreas de organización, animación e desenvolvemento de actividades educativas de tempo libre.

Ademais de adquirir as habilitades necesarias para realizar programas educativos adaptados a diferentes idades e a grupos con distintas características, preténdese formar a profesionais que teñan total seguridade nas actividades que realicen como monitores.

O programa do curso consta de catro módulos: actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil, procesos educativos no tempo libre infantil e xuvenil, técnicas e recursos de animación en actividades de tempo libre e prácticas profesionais non laborais de dinamización de actividades de tempo libre infantil e xuvenil.

O prazo de inscrición remata o 19 de xullo. O número máximo de persoas que se admiten é de 15, tendo preferencia as persoas empadroadas en Valga. O prezo é de 320 euros por persoa, que poden pagarse en dous prazos, e existe a posibilidade de realizar o curso de maneira intensiva só os fins de semanas.

No tocante ao curso de manipulador de alimentos, este permitirá aos participantes obter o carné obrigatorio para todo aquel profesional que estea en contacto directo con alimentos que se vaian a consumir: traballadores dos sectores da hostelería, restauración ou de empresas de alimentación, entre outros. O prezo é de 12 euros por persoa.