El Correo Gallego

Noticia 27 de 105 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Valga recibe de Medio Rural unha subvención de 36.288 euros para asfaltar as pistas paralelas á vía do ferrocarril

Acondicionaranse oito tramos de estrada entre Campaña e Vilar // Nos últimos meses investíronse máis de 800.000 euros na pavimentación de viais municipais

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 23.05.2019 
A- A+

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Consellería de Medio Rural aprobou a concesión dunha axuda económica ao Concello de Valga por importe de 36.288'24 euros para o acondicionamento e pavimentación das estradas paralelas á vía do ferrocarril.

As obras de asfaltado executaranse nun total de oito tramos comprendidos entre Campaña e Vilar. Sete dos tramos atópanse na marxe esquerda da vía do tren e o oitavo, na marxe dereita. En concreto, actuarase xunto á rotonda de acceso ao Punto Limpo, detrás das empresas Exlabesa e Extrugasa, nas zonas de Laxes e Carracido, no entronque coa praia fluvial de Vilarello e un último tramo comprendido entre Vilarello e Vilar.

Os traballos que se levarán a cabo consistirán na limpeza e fresado do firme e o posterior pavimentado con aglomerado en quente.

Coa execución deste proxecto quedarán solventadas as carencias existentes nas estradas paralelas á vía do ferrocarril, que na actualidade presentan zonas deterioradas. O Concello continúa, así, co seu programa de melloras en infraestruturas de comunicación. Nos últimos meses executáronse obras de asfaltado en medio cento de estradas cun investimento de case 800.000 euros e tamén se levaron a cabo traballos de limpeza, pintado e instalación de lombos redutores de velocidade noutras vías de titularidade municipal.