El Correo Gallego

Noticia 72 de 115 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Valga reclama á Subdelegación do Goberno más medios e persoal para o Cuartel da Garda Civil

As queixas dos veciños polo servizo precario que ofrece son insistentes xa que non hai patrullas disuasorias e para poñer unha denuncia teñen que desprazarse a Vilagarcía ou Cambados // “A Subdelegación comprometeuse a entregar un novo vehículo e aínda seguimos esperando por el”, lamenta o alcalde

CONCELLO DE VALGA  | 30.03.2019 
A- A+

A preocupante situación do cuartel da Garda Civil, que cada vez conta con menos efectivos e ofrece un servizo máis precario á veciñanza, vén sendo denunciada de xeito reiterado polo Concello de Valga ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra dende hai meses.

Na actualidade, o cuartel só conta cun sarxento e un garda civil. A súa presenza é só testemuñal e non se está a facer unha política disuasoria no noso termo municipal. É máis frecuente atoparse cun control de Tráfico que cunha patrulla da Garda Civil, o que acrecenta a sensación entre os valgueses de que están máis para recaudar que para vixíar.

Son moitas as queixas dos veciños polo deficiente servizo que está a ofrecer o cuartel. Se queren poñer unha denuncia teñen que dirixirse, a maioría das veces, a Caldas, Vilagarcía ou incluso Cambados, xa que o cuartel de Valga ten as portas pechadas e non atende ao público. En moitos casos, os veciños optan por non denunciar os roubos que sofren nas súas casas por non ter onde facelo e porque xa se estendeu a sona de que facelo “non vale para nada”, por iso as estatísticas que se manexan sobre roubos e outros feitos delictivos na vila son irreais.

A realidade é que as vagas de roubos en vivendas, comercios ou igrexas aumentan día a día. En algunha igrexa xa teñen sufrido tres e ata catro roubos con danos moi cuantiosos, como rotura de vidrieiras, portas ou reixas. Ademais, Valga conta cunha ampla poboación estudantil e atópase preto de áreas bastante conflictivas en canto a “trapicheo” de drogas, o que está a ocasionar unha grande preocupación entre os pais.

Valga non pode depender dun cuartel a máis de 40 quilómetros de distancia como é o de Cambados, tendo en conta o seu importante tecido industrial (que concentra a máis de 2.000 traballadores en menos dun quilómetro cadrado), que discurren polo municipio importantes vías de comunicación como a autoestrada AP-9 a nacional N-550 ou a estrada PO-548, así como dous camiños de peregrinación a Santiago, e que o concello non conta con policía muncipal.

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra é perfectamente consciente da situación de abandono progresivo que afecta ao noso cuartel debido á súa escaseza de medios e persoal. O alcalde e outros membros do goberno municipal así llo teñen transmitido en varias ocasión. Nunha reunión coa subdelegada, esta comprometeuse a realizar unha visita a Valga que a día de hoxe aínda non se realizou. “Prometeuse un novo vehículo que se ía entregar de inmediato e aínda seguimos esperando por el, e moito menos se ampliou o número de efectivos nin se dotou de máis medios”, lamenta o alcalde, José María Bello Maneiro. O rexedor lembra que o Concello fixo, no seu día, “un esforzo moi grande para reformar e acondicionar o cuartel. Agora temos unhas instalacións modélicas que están infrautilizadas e sen medios”.

É por iso que o grupo de goberno presentará no Pleno ordinario do vindeiro luns unha moción para demandar á Subdelegación do Goberno en Pontevedra, á Delegación do Goberno en Galicia e ao Ministerio do Interior que procedan, de inmediato, a aumentar o número de efectivos no cuartel da Garda Civil de Valga e a dotalo dos medios axeitados para o desenvolvemento do seu labor.

A moción deixa claro, ademais, que o Concello de Valga non aceptará baixo ningún concepto que se siga reducindo o persoal do cuartel e, moito menos, o peche definitivo das instalacións da Garda Civil.