El Correo Gallego

Noticia 24 de 173 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Valga recuperará o teleférico da antiga mina Mercedes

Conde apoia o plan // Reactivaranse as liñas de vagonetas e farán dúas terminais de acceso

Francisco Conde, centro, onte en Valga na presentación do proxecto - FOTO: ECG
Francisco Conde, centro, onte en Valga na presentación do proxecto - FOTO: ECG

C. ESTÉVEZ   | 31.07.2019 
A- A+

O Concello de Valga vai recuperar o teleférico da mina Mercedes, e para iso, contará coa colaboración da Xunta, que a través dun convenio de colaboración, aportará un total de 30.000 euros para os traballos.

Onte tiña lugar o acto de presentación do proxecto que busca valorizar o patrimonio mineiro e industrial desta zona, sempre respectando a paisaxe natural sobre a que se constitúe a mina. Estivo presente no acto o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e xunto a el, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Esta iniciativa inclúe, ademais da recuperación do teleférico, a reactivación das liñas de vagonetas mineiras e a constitución de dúas novas terminais de acceso en ambos extremos do circuíto, nas áreas de carga e descarga.

Segundo explicou Francisco Conde, o que se busca é "mostrar a importancia do patrimonio mineiro na configuración pasada e actual da paisaxe; identificar os valores desta construción, e conxugar esta conservación patrimonial co desenvolvemento sostible do municipio". Deste xeito, proseguiu o conselleiro, "porase en valor o transporte que se facía na explotación, que era ecolóxico e sostible e que permitía facer os labores".

Dende a Xunta, apuntou o conselleiro, están comprometidos coa minaría sustentable porque contribúe á defensa do medio ambiente, promove o desenvolvemento do rural, supón un aproveitamento eficaz dos recursos e "forma parte dun sector estratéxico da economía galega". A actuación axudará, ademais, á creación de emprego, xa que o obxectivo é ampliar a oferta turística e de lecer do municipio, baseada na revitalización da herdanza mineira.