El Correo Gallego

Noticia 114 de 190 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Valga saca a concurso a explotación da cafetería do auditorio por un período máximo de catro anos

Establécese un canon anual mínimo de 100 euros e as propostas á alza poden efectuarse ata o vindeiro 5 de xuño // A mesa de contratación valorará, ademais da oferta económica, o proxecto de explotación e o equipamento co que se dote ao local

CONCELLO DE VALGA  | 22.05.2019 
A- A+

O Concello de Valga iniciou esta semana o procedemento para contratar a explotación da cafetería do Auditorio Municipal por un período de dous anos, que poderán ser prorrogados por unha ou máis anualidades sen que o total poida superar os catro anos.

Segundo se establece no prego de cláusulas administrativas, o servizo prestarase a risco e ventura do concesionario, retribuíndose cos ingresos que se deriven da explotación da cafetería. O adxudicatario deberá aboar ao Concello un canon anual mínimo por importe de 100 euros máis o IVE, así como os demais impostos ou taxas que se deriven deste contrato. As ofertas económicas efectuaranse á alza partindo da citada cantidade de 100 euros e poden presentarse no rexistro do Concello ata o vindeiro 5 de xuño en horario de 8 a 15 horas. Cada licitador non poderá presentar máis dunha oferta.

A elección da oferta máis ventaxosa atenderá aos seguintes criterios: o maior canon ofertado, o proxecto de explotación (persoal, horarios e variedade de servizos prestados) e o o equipamento e mobiliario co que se dotará ao local, que conta cunha superficie de 150 metros cadrados.

O prego de prescripcións técnicas polas que se rexe o contrato indica que a cafetería non poderá pechar máis dun día á semana, que será fixado polo Concello en función das actividades e funcionamento do Auditorio. O horario de apertura ao público será entre as 7:00 e as 00:00, salvo que fóra deste horario exista algunha actividade autorizada polo Concello. Neste caso poderá ampliarse a apertura ata o máximo establecido pola lexislación vixente.

Ademais da atención do servizo de cafetería, o adxudicatario deberá cumprir unha serie de esixencias, entre elas o mantemento, conservación e limpeza do Auditorio Municipal; a limpeza diaria da cafetería, así como do hall interior e exterior e as beirarrúas exteriores da entrada; e o equipamento dos aseos con xabón, papel hixiénico etc. Será tamén o concesionario o que teña que contratar ao persoal que precise, debendo estar todos os traballadores en posesión do carné de manipulador de alimentos.