El Correo Gallego

Noticia 27 de 190 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Valga saca a contratación a mellora das infraestruturas viarias na área empresarial de Campaña

O proxecto, cun orzamento de 120.000 euros, inclúe a instalación de canalizacións soterradas, a creación de beirarrúas e unha zona de aparcamento // A Consellería de Industria aportará 92.831 euros para financiar as obras

CONCELLO DE VALGA  | 14.08.2019 
A- A+

O Concello acaba de licitar as obras de acondicionamento e mellora das infraestruturas viarias na área empresarial de Campaña, un proxecto que conta cun orzamento total de 120.000 euros e para o que a Consellería de Economía, Emprego e Industria aprobou unha axuda de 92.831’21 euros.

A área industrial de Campaña conta cunha superficie aproximada de 315.000 metros cadrados e está situada ao carón da estrada autonómica PO-548, dende a que ten o seu acceso principal. Ten asentadas a tres grandes empresas, dúas do sector do aluminio e outra do sector da automoción, que suman na actualidade uns 900 traballadores que a diario se desprazan ata a zona, xa sexa a pé ou en vehículos particulares.

Estas industrias están promovendo e executando ampliacións nas súas instalacións e isto leva parello un aumento do persoal que alí desenvolve a súa actividade profesional e tamén da producción, co conseguinte incremento na circulación de vehículos, tanto privados como de transporte, e no tránsito de peóns.

Para dar resposta a esta situación e adecuar as infraestruturas da zona ás novas necesidades, o Concello proxectou esta mellora viaria para contar cun acceso de calidade en beneficio tanto dos traballadores como das propias empresas. En concreto, as actuacións que se executarán son: a instalación de canalizacións soterrada, a dotación de tubaxes para recollida de augas pluviais, a construción de beirarrúas, a habilitación dunha zona de estacionamento e pavimentación.

As empresas que queiran optar a executar as obras teñen de prazo ata o vindeiro 27 de agosto para presentar a documentación no Concello.