El Correo Gallego

Noticia 61 de 105 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Visitas guiadas ao Museo da Historia e Ao Belén Artesanal recadan fondos para a investigación do cancro infantil

A actividade benéfica terá lugar o domingo día 7 a partir das 11 horas // As reservas poden realizarse no Concello ou a través do teléfono 678 89 48 67

CONCELLO DE VALGA  | 01.04.2019 
A- A+

Dous dos principais recursos turísticos de Valga, o Museo da Historia e o Belén Artesanal en Movemento, son os protagonistas dunha iniciativa de carácter benéfico impulsada pola axencia Compos Tours e coa colaboración do Concello para recadar fondos para a investigación do cancro infantil.

A actividade terá lugar o vindeiro domingo, 7 de abril, e consiste en visitas guiadas a estes dous enclaves de interese turístico. O punto de encontro será o Museo da Historia, no que os asistentes poderán adentrarse durante aproximadamente hora e media (de 11 a 12:30 horas) para coñecer o patrimonio de Valga e achegarse ás figuras de Xesús Ferro Couselo ou a Bella Otero. O Museo da Historia foi obxecto recemente dunha reforma e ampliación, incorporándose novos fondos e materiais expositivos.

A continuación, os participantes trasladaranse ao Belén Artesanal, en Campaña, unha composición declarada de Interese Turístico de Galicia pola Xunta e que durante o pasado Nadal recibiu máis de 42.000 visitas. Conta cunha superficie aproximada de 400 metros cadrados e supera as 4.600 figuras e edificacións, todas elas feitas de xeito artesanal. O nacemento valgués ten como principal peculiaridade a conxugación de esceas propias das festas de Nadal con tradicións locais, mostras da cultura popular do rural de Galicia e a recreación de acontecementos de actualidade a nivel nacional e internacional. Isto del unha montaxe única e outórgalle un carácter diferencial que é a clave do seu éxito.

As dúas visitas realizaranse con servizo de guía e poden reservarse por separado. As reservas deben realizarse nas oficinas do Concello (presencialmente ou por teléfono) ou a través da axencia Compos Tours, no teléfono 678 89 48 67 ou a través do correo electrónico compostours@gmail.com. 

A aportación económica de cada participante será voluntaria e a recaudación destinarase íntegramente a financiar a investigación do cancro infantil a través do colectivo Nico, que toma o nome dun neno de 3 anos de idade de Ourense, diagnosticado de neuroblastoma.