El Correo Gallego

Noticia 18 de 190 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

O xurado do concurso "Embelecer Valga" percorreu os parques e lugares engalanados polos veciños

Das dezanove comisións que se presentaron ao certame son finalmente dezaseis as que optan aos premios // Os gañadores daranse a coñecer o vindeiro sábado durante a XXIX Festa da Anguía e Mostra da Caña do País

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 24.08.2019 
A- A+

O xurado do concurso “Embelecer Valga” percorreu o esta mañá os lugares acondicionados polos veciños para elixir, de entre todos, ao lugar máis fermoso. Das dezanove comisións veciñais que presentaron os seus proxectos de mellora de espazos e infraestruturas públicas son, finalmente, dezaseis as que optan aos premios. As tres obras restantes non puideron ser visitadas polo xurado xa que non se chegaron a executar.

Os lugares que optan aos premios son os colexios de Baño e Cordeiro, Avenida da Coruña, Barcia, Barro, Beiro, Canle, Casaldeirigo, Cernadas, Cerneira, Cimadevila, Eiras, Gándara, Laceiras, Vilar e Vilarello. O xurado estivo formado polos concelleiros Pedro Calvo, Malena Isorna e José Ángel Souto, ademais dun representante de cada comisión veciñal participante. O proxecto máis valorado será premiado cun agasallo, diploma e 300 euros e o segundo clasificado recibirá os mesmos galardóns coa excepción da cantidade económica, que ascenderá a 200 euros. Os demais grupos presentados ao certame recibirán un diploma e unha gratificación de 100 euros. Os gañadores daranse a coñecer o vindeiro sábado no trancurso da XXIX Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

O concurso “Embelecer Valga” premia ao lugar máis fermoso acondicionado e engalanado pola cidadanía, de maneira que se implique á veciñanza no coidado e arranxo dos espazos públicos da vila, acometendo de forma voluntaria e gratuíta accións consistentes na limpeza, mellora, dotación de equipamentos ou ornamentación de paraxes. Os participantes tiveron que formar unha comisión veciñal e presentar no Concello unha pequena memoria descritiva das accións de mellora a desenvolver e os materiais que estimaban precisos, ademais dunha reportaxe fotográfica do estado no que se atopaba o lugar no que se levaron a cabo as actuacións. A administración local facilitoulles os medios precisos para a execución dos proxectos e puxo á súa disposición os materiais necesarios para o desenvolvemento das obras.

Os proxectos que o sábado visitou o xurado foron:

1. ANPA e CEIP Plurilingue Baño-Xanza: acondicionamento de xardíns, pistas e peche do colexio.

2. ANPA e CEP Plurilingüe Ferro Couselo: acondicionamento do xardín do colexio.

3. Avenida da Coruña: instalación de barbacoa e mellora do parque.

4. Barcia: renovación da casiña do parque e acondicionamento do entorno.

5. Barro: limpeza xeral e reposición de plantas no parque.

6. Beiro: acondicionamento e renovación do parque.

7. Canle: mellora do parque e da piscina e instalación dunha casiña de xogos.

8. Casaldeirigo: acondicionamento do lavadoiro.

9. Cernadas: Acondicionamento do lavadoiro.

10. Cerneira (A Fonte): cancha de baloncesto, varanda e acondicionamento do entorno.

11. Cimadevila e Souto: Mellora do parque infantil e acondicionamento do lavadoiro.

12. Eiras: reparación do lavadoiro da aldea (tellado, varanda, e chan) e adecentamento do entorno.

13. Gándara: cambio de fonte de pedra, novas plantas e pintado.

14. Laceiras: acondicionamento do parque, substitución de columpios e plantas.

15. Vilar: acondicionamento xeral: bancos, papeleiras, prantas…

16. Vilarello: acondicionamento e arranxo do parque, do lavadoiro e outras instalacións.