El Correo Gallego

Noticia 14 de 20 noticia anterior de Vedra Área de Compostela » Vedra

Manquiña será o pregoeiro na Festa do Viño da Ulla

San Miguel de Sarandón acollerá a tradicional cita o domingo 14 de abril // Para ir abrindo boca, hoxe arrancan as Xornadas Técnicas e farano cun récord de participación // Non faltarán os sorteos nin as actuacións musicais

Pola esqda., Víctor Furelos, Raúl Barreiro, M. Núñez, Virxilio Carpinteiro e C. Martínez - FOTO: Antonio Hernández
Pola esqda., Víctor Furelos, Raúl Barreiro, M. Núñez, Virxilio Carpinteiro e C. Martínez - FOTO: Antonio Hernández

ALBA PRADA  | 27.03.2019 
A- A+

O vindeiro domingo 14 de abril a parroquia de San Miguel de Sarandón acollerá o evento que o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, describe como "o máis multitudinario do ano no municipio". Refírese a Festa do Viño da Ulla, unha cita que vai xa pola súa edición número trinta e nove e que se consolidou como o mellor escaparate deste produto da subzona Ribeira da Ulla da D.O. Rías Baixas.

A xornada arrancará ás 12.00 h cunha degustación que se prolongará ata as 13.00 horas. Acto seguido será o turno do saúdo do rexedor e do pregón, que correrá a cargo do actor, presentador, cantante e membro do selecto club de Gallegos del Año; Manuel Prieto, máis coñecido como Manquiña. El será o representante da Orde dos amigos da bota, á que se incorporan outros dous membros que se darán a coñecer uns días antes da festexo. Tralo discurso, os asistentes poderán desfrutar da música de Odaiko e Vanesa Muela. Pola tarde continuarán as actuacións cos grupos Os Laxeiriños, Os Campiños e as Pandereteiras Dedaleiras; todos da Asociación Cultural San Campio. Con eles estará tamén o obradoiro de cultura tradicional Ultreia. A partir das 17.00 horas será o turno da charanga o Recobio de Vaamonde e da Requinta da Laxeira. Tamén volverá Manquiña, que vai animar aos presentes co rock do seu grupo Los Fabulosos W­eekend. Xa para rematar, a orquestra Xacobeo collerá o relevo para que non falte a música ata ben entrada a noite.

Tampouco faltarán durante todo o día os sorteos de lotes de produtos da Ulla e os premios ás peñas (máis numerosa, máis festeira...). Poderase visitar así mesmo o espazo promocional no que os concellos mostrarán os seus produtos e valores. As filloas, chourizos, polvo e empanadas terán tamén gran protagonismo.

Aínda quedan un par de semanas para o gran día, pero para ir abrindo boca a Asociación de Festexos de San Miguel de Sarandón pon en marcha dende hoxe e ata o próximo 13 de abril as Xornadas técnicas de Promoción e difusión da cultura vitivinícola no Camiño, que terán lugarna casa da cultura de San Miguel de Sarandón. Hoxe será a primeira, ás 19.00 horas, baixo o título Actual marco normativo da viticultura na DO Rías Baixas, e virá da man do Julio César Reboredo, Enxeñeiro Técnico Agrícola, vocal e vicepresidente desa denominación de orixe. Mañá xoves ás 20.00 horas organizarase unha presentación e unha cata comentada denominada Heroes dun viñedo de postal, na que intervirán Víctor Furelos, Xefe de Sección de EL CORREO GALLEGO e Miguel Gómez Hermida, das bodegas Regina Viarium.

Xa o venres o chef Yayo Daporta, galardoado cunha estrela Michelín no seu restaurante en Cambados e Chef Executivo do Mercado de Bonaerges de Santiago será o protagonista da xornada Cociñando con estrelas Michelín. A última será o 13 de abril. Os organizadores explicaron que este ano rexistraron un récord de participación, de feito, tiveron que cerrar as inscripcións ao superarse as 50 persoas en cada charla.