El Correo Gallego

Noticia 15 de 22 noticia anterior de Vedra Área de Compostela » Vedra

Récord de participantes nas Xornadas do Viño da Ulla

Máis de 60 persoas acudiron onte a San Miguel de Sarandón a escoitar a Víctor Furelos, xornalista deste medio, e á cata de Miguel Gómez // Hoxe será o turno do estrela Michelin Yayo Daporta // Vedra estará de festa o 14 de abril

Pola esquerda, Carlos Martínez, Valentín García, Víctor Furelos e Ovidio Rodeiro con membros da organización - FOTO: Sangiao
Pola esquerda, Carlos Martínez, Valentín García, Víctor Furelos e Ovidio Rodeiro con membros da organización - FOTO: Sangiao

ALBA PRADA  | 29.03.2019 
A- A+

O vindeiro domingo 14 de abril, San Miguel de Sarandón celebra a festa máis agardada do ano no municipio vedrés: a do viño da Ulla. Unha cita que cada edición da a coñecer a comarca a través da calidade deste recoñecido produto. E mentres os máis ansiosos van tachando días no calendario, a Asociación de Festexos da parroquia, coa colaboración do Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela, está a organizar unhas xornadas técnicas sobre a promoción da cultura vitivinícola no Camiño.

A primeira delas tiña lugar o pasado mércores ás 19.00 horas, na casa da cultura de San Miguel de Sarandón, onde se organizan todas as charlas. A conferencia titulouse Actual marco normativo da viticultura na D.O. Rías Baixas e o encargado de pronunciala foi o enxeñeiro técnico agrícola, vogal e vicepresidente desa denominación de orixe, Julio César Reboredo. Onte ás 20.00 horas foi o turno da segunda, que correu a cargo do xefe de sección de EL CORREO GALLEGO Víctor Furelos e do representante das bodegas de Horacio Gómez, Miguel Gómez, ambos os dous nados no Concello de Vedra. O éxito foi total xa que, ao igual que na do mércores, acudiron máis de 60 persoas, superando todas as expectativas e conseguindo un récord de participación. De feito, os organizadores indicaron que desta vez víronse obrigados a pechar o prazo de inscripción hai xa unha semana.

A primeira intervención foi a do xornalista Víctor Furelos, que adicou por completo á Ribeira Sacra. En primeiro lugar ensalzou algunhas das paisaxes vitivinícolas Patrimonio da Humanidade, en concreto, centrouse na Costa Amalfitana (Italia), no Cinque Terre (Italia), Saint-Émilion (Francia), Wachau (Austria), Alto Douro (Portugal), Renania Palatinado (Alemania), Ilha do Pico (Azores), Tokaj (Hungría), Lavaux (Suíza), Borgoña (Francia) e Champagne (Francia). Tras este repaso, Furelos puxo en valor o gran esforzo que supón traballar os viñedos da Ribeira Sacra "de gran dificultade tendo en conta as pendentes nesas zonas bañadas polos ríos Miño e Sil". A súa conferencia estivo ilustrada con 180 fotografías que se encargaron de amosar a dureza dos viñedos e a fermosura do entorno. Tras el chegou o turno da cata comentada de Miguel Gómez, na que se puideron degustar o Albariño co monovarietal Caíño da bodega Altos de Torona, sita en Tomiño, Pontevedra. Tamén probaron os asistentes o Mencía de Regina Viarum das adegas do mesmo nome, ubicadas en Sober, na provincia de Lugo. En ambas intervencións estiveron presentes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro.

Hoxe hai unha nova cita, neste caso co chef Yayo Daporta, o máis novo da historia en conseguir unha estrela Michelín. Rexenta un restaurante en Cambados e tamén en Santiago: o Mercado Boanerges, na rúa Monte do Seixo. O cociñeiro asistirá á casa da cultura ás 20.00 horas para elaborar varias tapas nas que maridará produtos característicos da zona con viños da Ulla.