El Correo Gallego

Noticia 10 de 20 noticia anterior de Vedra Área de Compostela » Vedra

Vedra anima aos mozos a participar nun proxecto que axuda a emprender

Chámase Erasmus+ YouthNest.crea e pretende fomentar o autoemprego no rural

C.E.   | 10.04.2019 
A- A+

Vedra. O Concello de Vedra vén de organizar unha sesión informativa na casa da estación para falarlles aos mozos do proxecto Eramus+Youthnest. crea. A idea é animar aos rapaces a participar nesta iniciativa que ten como principal obxectivo facerlles un oco no mercado laboral.

Todos os interesados "en viaxar por Europa e formarse durante doce días poderán informarse no número 881 074410 ou escribir ao e-mail info@concellodevedra.com", apuntaron voces municipais.

YouthNest.crea é un proxecto europeo dirixido a mozos de entre 16 e 30 anos que busca fomentar a cultura emprendedora entre os máis novos e brindar oportunidades para o autoemprego creativo no medio rural.

Promóvese no marco do programa Erasmus+ 2014-2020. Consiste na creación dunha rede de traballo transnacional integrada por profesionais de seis entidades de diferentes países da UE (Concello de Vedra, líder do proxecto, Galicia; Stichting Business Development Friesland, Países Baixos; Comune di Capannori, Italia; Newry and Mourne Co-Operative Ltd, Reino Unido; Obec Zemplinske Hamre, Eslovaquia; e Associação Juvenil de Deão, Portugal).

Este programa, que conta cunha subvención de máis de 144.000 euros e que rematará en agosto deste ano, está creado para atender a 72 mozos que traballan en tres incubadoras situadas en Galicia, Italia e os Países Baixos. No caso de Vedra aproveitouse o edificio da vella estación de Ferrocarril, xa remodelado, e un vagón situado ao seu carón, que se adaptou como espazo de coworking.