El Correo Gallego

Noticia 23 de 23 noticia anterior de Vedra Área de Compostela » Vedra

Vedra exhibe o valor que ten a súa camelia

Será na estación de tren de Santa Cruz // Firmarase un Pacto de Amizade co municipio de Capannori

MOSTRA das elaboracións realizadas na edición pasada.  - FOTO: ECG
MOSTRA das elaboracións realizadas na edición pasada. - FOTO: ECG

BRAIS FDEZ.   | 23.02.2019 
A- A+

A Asociación Amigos da Camelia, coa colaboración do Concello de Vedra, celebra esta fin de semana a vixésimo cuarta edición das Xornadas Arredor da Camelia, unha cita que terá lugar na contorna da estación de tren de Santa Cruz e na que se mesturarán cultura, turismo e arte.

Para hoxe, todos aqueles interesados poderán realizar, ás 11.00 horas, unha visita polo Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, cunha ruta de dúas horas para visitar os seus xardíns; e ás 16.30 horas, outro itinerario interpretativo e explicativo do acondicionamento da proximidade do apeadoiro, acompañados por Fermín Blanco, director do proxecto, e seguido dunha degustación de produtos gastronómicos da Ulla.

Con todo, a cita principal será mañá domingo coa celebración da popular Festa da Camelia, na que haberá unha mostra de traballo ornamental con diferentes especies, outra da flor e o dezanove concurso de pintura infantil.

Logo de tres horas previas preparando as exposicións, a inauguración oficial do encontro será ás 12.30 horas co discurso de Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia. No apartado institucional, firmarase un acordo de inicio para o Pacto de Amizade entre os concellos de Vedra e Capannori (Italia), coa presenza de Lia Chiara, a súa asesora en Políticas Sociais, Xuventude e Innovación.

Tralo longo traballo, o resultado final das elaboracións das asociacións e parroquias deixará un colorido escaparate no que a cor será a única protagonista. Pola súa banda, o certame da flor permítelle ás persoas particulares contar tamén cun espazo propio para poder decoralo.

Este labor será valorado a continuación por un xurado que fará a entrega de premios das dúas exhibicións a partir das 13.00 horas. Ademais, todos os implicados levarán algún agasallo.

A maiores da celebración floral, a cita na terminal do ferrocarril contará tamén con diferentes actuacións musicais que ambientarán a xornada. Ás 13.30 horas, trala adxudicación dos galardóns, a Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla levará a cabo un concerto para os presentes, o cal enlazará ao seu remate coa actuación da agrupación Ulla-Deza Brass Band. Esta sesión vermú completarase ás 14.30 horas coa opción de probar uns bos viños galegos.

Xa pola tarde, os nenos e nenas gañarán visibilidade, coa organización de diferentes obradoiros; coa actuación do grupo de pandereteiras da Asociación Cultural Raiolo; e, ás 18.30 horas, coa entrega de premios do décimo noveno certame de deseño infantil da camelia.

Ademais, antes da clausura e o peche das mostras, ás 20.00 horas, Isla Le TrisKa levará a cabo o seu espectáculo de clown e malabares chamado Letriska Inmobile e haberá tamén un atranque infantil dos Xenerais da Ulla.

SÁBADO 23

11.00 H. Visita ao de pazo Santa Cruz

16.30 H. Itinerario pola contorna da estación de ferrocarril con Fermín Blanco

 

DOMINGO 24

12.30 H. Inauguración da XXIV Xornada Arredor da Camelia

13.00 H. Entrega de premios para as mostras de Flor e Ornamentación

18.30 H. Adxudicación dos premios do 19º Concurso de debuxo infantil