El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

no tempo das ondas

Ilustre estradense con raíces arzuás

ARMANDO CASCÓN (*)  | 07.09.2009 
A- A+

Naceu Pedro Varela Castro na parroquia arzuá de Lema en agosto de 1879. Provén dunha familia moi arraigada neste lugar no que posuía un importante patrimonio rústico. Así e todo, polo que máis destacou esta liñaxe no século XIX e parte do XX foi pola súa estreita vinculación ao goberno municipal de Arzúa. Xa o seu avó Joaquín, o seu tío avó Ramón, o seu curmán, tamén Ramón, ou mesmo o seu pai Manuel foron herdando a cadeira de mando do concello durante varias xeracións de pais a fillos.

Pedro viuse na obriga de deixar Arzúa xunto cos seus irmáns, dos que se fixo cargo despois da morte da súa nai, viúva do malogrado Manuel Varela Vázquez que se suicidou cunha navalla de afeitar seccionándose o pescozo por causa dunha enfermidade mental con manía persecutoria. Un tráxico acontecemento que chamou a atención da veciñanza pola simpatía da que gozaba este alcalde en Arzúa e que chegou a ser noticia en varios xornais da época.

Logo dun tempo residindo en Pontevedra, Varela Castro
trasladouse á Estrada onde exerceu como procurador. Alí seguiu a senda política dos seus ancestros en Arzúa. Así, no ano 1917 desenvolvía na vila estradense a primeira tenencia de alcalde. Despois de que a alcaldía fose declarada vacante por incompatibilidade do seu titular, e logo dunha comunicación da Federación Agraria na que as entidades agrarias o propoñían para o posto de mandatario, Pedro Varela foi nomeado alcalde pola Corporación municipal da Estrada o 25 de marzo de 1917. Ocupouse deste posto até abril de 1920. Nos anos seguintes fíxose cargo da presidencia do Casino daquela vila e foi un gran dinamizador social e cultural do concello, mesmo chegou a publicar un libro titulado La Estrada y su comarca, un referente nas orixes dos estudos sobre o pasado das terras de Tabeirós aínda hoxe empregado en multitude de estudos referentes á comarca.

Morreu en 1958. Os seus restos descansan no cemiterio parroquial daquela vila que tanto quixo.

* Director de Radio Arzúa