El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

presidenta de teenses pola igualdade

Rosa Gómez Limia: "A promoción da igualdade no rural é o dobre de difícil que no caso das cidades"

"Para a publicación do libro tocamos en todas as portas ata que o conselleiro de Cultura nos escoitou e namorouse del" // "A muller existe na historia dende o século XX, antes dicían que non eramos válidas"

SANTIAGO.INÉS DOPAZO  | 20.04.2010 
A- A+

Correo TV

FOTO: Correo TV

A asociación Teenses pola igualdade acaba de publicar un libro, 100 mulleres galegas artistas emerxentes, que quere sacar á luz o traballo das mulleres artistas en Galicia porque tamén neste campo a igualdade entre sexos non é real. Á fronte desta publicación sitúase a presidenta da asociación, Rosa Gómez Limia.

- Tampouco na arte podemos falar de igualdade...

- En absoluto. Non existe en ningún ámbito e na arte, menos. Cando nos propuxemos facer este traballo pretendiamos reunir unhas 50 e a nosa sorpresa foi que nos atopamos con máis de 200 artistas de enorme calidade e o problema foi facer a selección, do que se encargou a coautora do libro, xunto comigo, Patricia Núñez.

- Moito tempo de traballo para ambas, ¿non?

- Foron tres anos. Ao principio propuxémolo como para comprobar a ver se somos capaces, porque era moi difícil dado que incluímos no libro artistas de todas as vilas de Galicia e entón atopalas era difícil, porque non sabiamos por onde empezar. Tirando do fío, unhas levaron a outras.

- E despois a dificultade de escoller cen.

-Absolutamente difícil. Ás veces parécenos que seguramente cometimos unha inxustiza deixando fóra moitas moi boas. É que, realmente, o nivel de calidade e para incluír outras cen.

- Sempre se pode publicar un segundo libro...

-Pero sería doutra rama, porque a nosa situación o que intenta é que o labor das mulleres non quede perdido, como ocorreu ao longo da historia, onde as mulleres empezamos a existir no século XX. Entón nós o que cremos é que neste momento hai moitas mulleres moi preparadas nos eidos do saber e da arte, entón iriamos buscar mulleres exemplares, pero xa doutra rama.

- Fotógrafas, pintoras, escultoras, autoras de collage... ¿que teñen en común todas as mulleres retratadas no libro?

-Ser mulleres e artistas de moi alta calidade. Ademais do seu entusiasmo. Estamos recibindo a satisfacción de moita xente porque algunhas mulleres non sabían que aparecían finalmente no libro e a alegría de verse insertas nesta publicación é unha gran satisfacción. Ademais cada referencia leva un contacto delas porque a idea é que todas poidan entrar no circuíto artístico e ter as súas exposicións, que en moitos casos ata agora élles imposible pola falta de potencia económica. De feito, o libro estase distribuíndo tamén no estranxeiro, nas casas de Galicia e no Instituto Cervantes. Merece a pena facerlles unha difusión axeitada a mulleres que teñen moitísimo mérito, que nalgúns casos teñen incluso os seus estudos na cociña de casa.

- ¿Coinciden á hora de sinalar as dificultades do mundo artístico para a muller?

-Si. A primeira é expoñer, porque non hai salas de exposición gratuítas. A segunda é que non se pode vivir da arte e por iso teñen que compatibilizar as súas profesións coa súa faceta artística. Tamén teñen moitas en común o feito de ser autodidactas e que en moitos casos se deron de conta moi tarde das súas calidades para a arte.

- ¿Existe diferenza coa arte
feita por homes?

-Non creo que exista ningunha especialmente destacable. O único podería ser a presenza da muller na súa propia obra na que talvez si ten un papel máis destacado que na dos homes, pero eles tamén teñen unha alta sensibilidade cando se dedican á arte.

- Este libro é un dos moitos proxectos de Teenses pola igualdade. Outro dos seus compromisos é co ambiente...

-Nos estatutos da asociación recóllese o obxectivo principal da promoción da muller en todos os ámbitos. É unha asociación mixta, porque tamén hai homes que cren que as mulleres estamos en inferioridade e están comprometidos coa nosa causa. E a promoción da muller pasa pola cultura, o medio, o coñecemento, a preparación para o emprego... e todo o que facemos xira arredor desto. A nosa publicación periódica ten como mérito que todas as persoas que escriben nela son voluntarios e tratan temas de importancia. E parécenos que se escriben os veciños de Teo, ten máis importancia e difusión que se só escribimos xornalistas.

- Ao mesmo tempo a asociación préstalles servizos ás mulleres. Neste sentido, ¿nota unha evolución no desenvolvemento social das mulleres?

-Costa moito. É moi lenta. Porque a asociación está metida no medio rural e non e o mesmo que se estivera en Santiago. A nós cústanos moito traballo chegar ás mulleres. Facemos todo tipo de cursos para ser atractivos para elas: de autoestima, oratoria, busca de emprego, plantas medicinais, cogomelos... todo o que se nos ocorre co fin de chegar á veciñanza. O ano pasado tivo moitísimo éxito o de cociña para homes.

- ¿Cambiou máis a mentalidade dos homes ou a das mulleres?

-A das mulleres. Empezamos a recoñecernos como válidas. Porque durante anos dixéronnos que eramos menos, que non eramos intelixentes, que non tiñamos forza, que o noso cerebro era máis pequeno. E estes conceptos fóronse asentando na cabeza das mulleres e é contra o que loitamos nós. Tentamos convencelas de que son válidas, sempre, aínda que non teñan estudos, claro.

- Coa dificultade engadida de estar no ámbito rural...

-É dobremente difícil. Parece que non se atreven a participar nestas cousas. Unha vez dicíame unha muller na aldea que non viña aos nosos cursos porque nós eramos lidas... E a iso súmanse outras dificultades. Agora quédanos pequeno o local para os servizos que prestamos: un gabinete psicolóxico, outro de atención ás dificultades da muller, unha biblioteca, unha páxina web e un estudo permanente de informática.

- ¿Teñen contactos coa administración para facerse cun
local novo?

-Eu dígollo a todo o que se me pon diante. Fixen o mesmo co libro ata que finalmente o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, me escoitou, e namorouse do libro o mesmo que a secretaria xeral de Igualdade. Co local pídollelo a todos, e todos os días ao alcalde.

- A asociación medra en actividade, ¿en socios tamén?

-Si. Agora mesmo temos case 300 socios e nacemos aínda en 2004. Nin sequera facemos campaña de captación de socios, pero a xente vén. Temos incluso socias de Ourense.

- Un desexo... ¿Que non tivera que existir a asociación?

-Que existise, pero puidese ter obxectivos diferentes.

O PERFIL

Naceu no concello de Barantes, en Ourense.

Formouse como perito mercantil e, xa de maior, licenciouse en Xornalismo na Universidade de Santiago. Rematou a carreira no ano 2002.

Agora está xubilada, pero fai algún traballo como xornalista ‘freelance’.

No seu tempo libre gústalle ler e pasear.