El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Silleda acadou acordos para sumarse ó Proxecto Ríos coa organización de dúas actividades

SILLEDA. S.E   | 24.04.2012 
A- A+

O Concello de Silleda súmase a difusión do Proxeto Ríos. O concelleiro de Medio Rural, Antonio Couso, mantivo unha reunión con responsables de Adega e Augas de Galicia, e voceiros da Granxa Escola de Abades na que se acadaron acordos para levar a cabo o proxecto en Silleda.

Neste encontro programáronse dúas actividades, unha das cales se levará a cabo na granxa escola Fervenza do Toxa. Será o sábado, 28 de abril, e dará comezo ás 11.30 horas da mañá. Inclúe unha charla divulgativa e de presentación na que se explicará en que consiste o Proxecto Ríos e a continuación, habería unha saída a un río próximo para estudiar a calidade da auga.

Os responsables da Granxa Escola Fervenza do Toxa, de Abades, ofrecéronse voluntariamente a ceder o seu espazo, idóneo polas instalacións, e pola proximidade ao río Cervañiña, dun alto interese ecolóxico e tamén histórico posto que nun percorrido de tan só dous quilómetros existen 22 muíños. Para poder participar nesta actividade é precisa a inscrición para a que se abrirá o prazo a vindeira semana e ten un aforo para unhas 30 ou 40 persoas. Está destinada a adultos, e será completamente gratuíta para os participantes, salvo porque eles mesmos terán que levar a súa propia comida.

A segunda actividade programada é para o día 5 maio e levarase a cabo nunhas instalacións de Vilagarcía. Nela, hai 6 prazas para silledenses, e está destinada a persoas que están vinculadas profesionalmente co medio ambiente, e tamén coa formación sobre este tema. Terá unha duración de dous días, e tamén precisa inscrición.