El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Xosé Manuel Olveira ‘Pico’: “O teatro fomenta os valores das persoas”

“O cine está máis en crise que o teatro. Houbo un gran descenso de espectadores nas salas de cine nos últimos anos” // “Tanto Ernesto Chao coma min estamos encantados de levar ‘Aeroplanos’ ao concello de Padrón”

SANTIAGO. PATRICIA DE LA TORRE  | 02.03.2009 
A- A+

– Vén de gañar o premio teatral Maruxa Villanueva, que dende hai oitos anos concede o concello de Padrón. Vostede asegurou que non sabía que estaba nominado, ¿como recibiu a nova?

– Non sabía nada cando me chamaron. Foi toda unha sorpresa. A verdade é que o ano pasado tamén estaba nominado e sí o sabía, e claro está, estoulle moi agradecido ao concello de Padrón por pensar en min e darme este premio.

– O premio foille conceido polas obras ‘Aeroplanos’ e por ‘Noite de Reis’. Cóntenos en que consisten estes dous traballos...

– Noite de reis é un espectáculo do centro dramático, que tivo un éxito de público que non se recorda en Galicia. Esta é a terceira vez que a retomamos, e no último mes enchemos todos os días o Salón Teatro. A mediados de marzo i mos a Madrid ao Festival das Autonomías. E Aeroplanos é unha comedia, que é a comedia que estou representando agora con Ernesto Chao. Acaban de nominarnos aos dous como actores aos premios María Casares deste ano, así como ao mellor espectáculo e á mellor adaptación e traducción que fixo Avelino González. Ao mesmo tempo Aeroplanos está nominado como mellor espectáculo aos premios Max, como mellor espectáculo de Galicia. Polo premio Maruxa Villanueva dixéronme que se me concedeu por estes dous traballos e pola miña traxectoria.

– Tamén se tivo en conta a súa defensa na formación dos actores e das actrices para que estean mellor preparados...

– Esa é unha teima coa que levamos moitísimos anos. Eu empecei no teatro hai moito tempo nun grupo de afeccionados en Santiago, no ano 72, e digamos que teño unha formación autodidacta, porque as escolas de arte dramática estaban en Madrid ou Barcelona. A creación da Escola de Arte Dramático foi unha loita de moito tempo. Por fin xa temos escola de Arte Dramático en Vigo. Nós cos anos, dende o escenario, intentamos defender a cultura, a lingua e a formación teatral dos actores deste país.

– Na comarca de Santiago case non hai concellos que teñan un teatro propio como instalación, aínda que si se fagan representacións teatrais. ¿Vostede ve viable que os concellos se doten deste tipo de infraestruturas?

– O ideal sería que en cada concello, ao igual que hai un campo de fútbol e un polideportivo, houbese un espazo para facer teatro. O que pasa, por desgraza, é que se os concellos teñen os polideportivos xa os aproveitan para facer alí as obras de teatro, pero o polideportivo é un edificio que non se presta polas súa características. Se non é nun polideportivo, é nunha casa de cultura, é dicir, que non se pensa nos espazos para facer teatro; salvo algunhas excepcións. Si se ten mellorado moitísimo dende que eu comecei a facer teatro, e afortunadamente hai espazos mellores. De feito, hai pouco inaugurouse en Rianxo un espazo que eu creo que está moi ben; en Noia, recuperaron hai anos o Coliseo Noela, teñen un teatro precioso, que por certo estano a descoidar; na Estrada tamén hai outro teatro precioso... pero Bertamiráns ten unha casa da cultura... eu creo que aínda hai que facer un esforzo moi grande. Aínda que repito, mellorouse moito.

– ¿Que momento está a atravesar o teatro en Galicia?

– Sempre se falou de crise no mundo do teatro. Agora mesmo, o cine se que está máis en crise que o teatro, houbo un gran descenso de espectadores nas salas nos dous últimos anos... e o teatro se que subiu o número de espectadores, é un xénero que vai manter sempre espectadores, é a inmediatez, o directo, o contacto co público... eso non vai morrer nunca, haberá anos mellores ou peores. Seguramente a crise tamén lle vaia afectar ao teatro, porque en definitiva quen contrata a maioría das compañías son os concellos, se os concellos reciben menos cartos vaise notar á hora de contratar compañías. Xa sabemos que cando hai que recortar algo, se vai recortar na cultura, desafortunadamente. Eu non falaría de crise no teatro, falaría de crise nos valores da xente, e o teatro é unha forma de potenciar os valores das personas: a liberdade, a igualdae

– O premio Maruxa Villanueva é do concello de Padrón. Vostede estivo vinculado a este municipio cando participou no grupo musical ‘Lúa’, ¿que lembra daqueles tempos?

– Si, houbo un tempo no que me tive que adicar á vida cantando nunha orquestra, e na orquestra na que empecei, na que estiven case tres anos, era unha orquestra de Padrón. Logo cando comecei a traballar no mundo do audiovisual, a primeira serie de ficción audiovisual que se fixo en Galicia era unha serie que se chamaba Os outros feirantes, e rodouse un dos capítulos no que eu era o protagonista, alí polo ano 89 ou 90, en Padrón.

– Barallouse a posibilidade de levar a obra ‘Aeroplanos’ ao concello de Padrón... Supoño que vostede estaría encantado de que así fose...

– Eu estou encantado, ademais que xa llo comentei a Ernesto Chao e el está encantado tamén. Faremos todo o posible por ir.

– Vostede é unha cara moi coñecida aquí en Galicia polas moitas aparicións en series televisivas e e en grandes películas. ¿En que anda a traballar agora?

– En televisión acabo de rematar unha tempada máis de Padre Casares; tamén estou facendo un programa de sketch, Air Galicia. En cine, acabadan de estrearse tres películas nas que eu estiven o ano pasado, está a piques de estrearse nos vindeiro día 13 de marzo en todas as salas de cine Os mortos van á presa, e outra de corte infantil que estará para despois do verán, que se chama A casa da luz. Agora tamén estou pendente de traballar no mes de marzo no próximo largo de Jorge Coira, unha película que se chama 18 comidas; en abril comezarei a rodar a primeira longametraxe de Luis Avilés, que se chama Retornos. Retomaremos en teatro ademais A piragua.

– Teatro, televisión, cine... pero tamén participou nun spot desta campaña electoral. ¿Como xurdiu a idea de que vostede interpretase o papel de Espartaco no anuncio do Bloque Nacionalista Galego?

– Chamoume o artífice da idea de Eu son Anxo Quintana, e Carlos Ares, que foi un dos ideólogos do spot, e que está en Air Galicia, e necesitaba actores, e botou man dos que traballabamos alí. E eu estiven encantado de colaborar, a campaña foi un éxito, porque deu moito de que falar, que creo que era o que se pretendía. En Internet meteuse moitísima xente, viuse en moitas canles... tivo un resultado sorprendente, cun toque cun pouco de humor . Eu creo que é unha idea bonita, distinta. Oxalá que todos os partidos en campaña tivesen ideas orixinais e simpáticas.

O PERFIL

Xosé Manuel Olveira, máis coñecido como ‘Pico’, naceu no municipio coruñés de Muros, no 1955.
Traballou en diferentes xéneros, como o cine, a televisión e o teatro. Puidémolo ver en películas como ‘A lingua das bolboretas’, ‘Mar Adentro’, ‘O ano da carracha’ ou ‘Cuando vuelvas a mi lado’, entre outras moitas. Traballou tamén en series como ‘Mareas Vivas’, ‘Un mundo de historias’, ‘Pratos combinados’, ‘Hospital central’, ‘Quart’ ou ‘Cuéntame como pasó’. Na actualidade están inmerso en multiude de proxectos tanto televisivos, teatrais e cinematográficos.