El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

cirurxía

Recuperar a "honra perdida" no quirófano por 600 euros

O 95% das mulleres que se someten a unha operación de reconstrución de hime son de raza musulmá ou xitana, segundo os médicos

CARLOS MÍNGUEZ . MADRID  | 06.01.2008 
A- A+

O hime, esa membrana que se chegaba intacta ó matrimonio era símbolo de pureza e certificaba a "honra" dunha muller, como outrora dicían as nosas avoas, pode ser restaurado cunha pequena intervención cirúrxica que nos últimos anos lles devolveu a virxindade perdida a moitas mulleres.

Unha práctica tan antiga como universal e que era unha das moitas "habilidades" desa vella alcaiota, meretriz na mocidade, que é Celestina, o personaxe creado por Fernando de Rojas a finais do século XV. A operación, de apenas media hora de duración, practícase con anestesia local e non require hospitalización. Por ela hai que pagar entre 600 e 3.000 euros.

Mulleres de raza xitana ou de relixión musulmá, culturas nas que chegar virxe ó matrimonio é aínda hoxe un costume ancestral e unha obrigación, aínda que só para elas, son, nun 95% dos casos, segundo a xinecóloga Otilia Martín Crevillén, as principais demandantes desta cirurxía.

Mulleres de entre 20 e 24 anos, e no caso das xitanas aínda máis novas, que se ven obrigadas a recorrer a esta "trampa" ante o temor a ser rexeitadas por quen se converterá no seu esposo ou polas súas propias familias, que entenden a virxindade como un ben de alto prezo.

Martín Crevillén, que realiza unhas 50 himeoplastias ó ano, restaurou o primeiro virgo en 1993. "Antes non existía demanda. Incrementouse co aumento da poboación inmigrante. De facer algunha, era de forma silente", relatoulle a EFE.

Motivos relixiosos e

socioculturais

Pola consulta madrileña da doutora María Jesús Barba, especialista en cirurxía cosmética, pasan todos os anos, e desde hai dez, unhas 500 mulleres que por motivos relixiosos ou socioculturais necesitan ir "puras" ó matrimonio, case sempre concertado por uns pais que nunca aceptarían o contrario.

Pureza que deixou de lles preocupar ás novas xeracións de españois, que segundo o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) se inician no sexo a unha idade cada vez máis temperá. Segundo o estudo Fecundidade e valores na España do século XXI, elaborado polo CIS en 2006, o 38,5% dos españois deixa de ser virxes entre os 15 e os 19 anos, e o 33,9% entre os 20 e os 24. Só o 12,7% viviu a súa primeira experiencia sexual entre os 25 e os 29.

"A virxindade deixou de ser un tabú. Só se mantén intacto nalgún círculo social pechado", díxolle a EFE o doutor Carlos San Martín Blanco, secretario xeral da Federación Española de Sociedades de Sexología. "A sexualidade -recalca- xa non é un valor estigmatizado polo pecado". Á marxe dos citados colectivos son "contados" os casos de españolas que recorren a esta práctica.

En segredo e con angustia

As mulleres musulmás acoden ás consultas previas e á operación "sempre en segredo e moitas veces angustiadas", soas ou en compañía dunha amiga, "case nunca coa nai", relata Otilia Martín Crevillén, e sempre coa obsesión de "quitar un peso de enriba" ante o temor a ser "repudiadas".

"Veñen convencidas de que ten que ser así, de que perder a virxindade antes do matrimonio é unha deshonra para a súa familia. E co temor de que a súa vida pode ata perigar", conta a doutora Barba, quen recorda que a máis das tres cuartas partes das mulleres do mundo "obrígaselles a ir puras ó matrimonio". "Aí está a realidade dos crimes de honra".

Moi lonxe está o caso de prostitutas de "alto standing" que atoparon na virxindade un reclamo para captar clientes. "Coñezo a unha que se fixo a operación sete veces", relata a doutora Barba.