El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

couso e arca

"Gulliver" Ferreiro, viaxeiro, emigrado e poeta cáustico

XAVIER CASTRO RODRÍGUEZ   | 21.06.2008 
A- A+

Unhas veces a fortuna do intre da publicación, e outras a controversia conscientemente orixinada, poden ser os trazos fundamentais para o éxito ou o fracaso dun libro. Non cabe dúbida de que a aparición de "Viaxe ao país dos ananos" de Celso Emilio Ferreiro marcou unha fronteira importante na realidade poética do autor e na relación con algúns sectores moi determinados da sociedade venezolana. A lectura nesgada do poemario por parte de determinados receptores e a mala interpretación metafórica doutros, fixeron deste poemario un libro moi significativo na traxectoria poética do celanovés ademais de situalo nun espazo de controversia, crítica e ataque contra o seu autor ao longo de moitos anos. O aberto e manifesto enfrontamento de Celso Emilio coa Hermandad Gallega de Caracas deu lugar a moitas interpretacións, comentarios, edicións arredor deste poemario que se transformaría nun símbolo da deslealdade de moitos emigrados cos seus compatriotas e nun choque ideolóxico entre a dignidade dos desterrados e os afíns á ditadura.

Apareceu no 1968, no mesmo ano que Xesús Alonso Montero preparaba a edición bilingüe para a barcelonesa colección de poesía "El bardo". Dous anos despois vía a luz esta nova edición. No proemio, Alonso Montero fixo un percorrido pola circunstancia vital e literaria do celanovés, salientando que o libro é a resposta do escritor á segunda patria, resposta que é un non rotundo e dramático á súa anterior poesía migratoria. Os poemas desta particular viaxe son o relato dunha experiencia moi penosa, dobremente penosa por insospeitada.

Un elemento paratextual como a dedicatoria que inclúe Celso Emilio evidencia moitas consideracións en moi poucas palabras: "Pra Moraima, sempre. E pra os irmaus e compañeiros da Agrupación Galega que comigo loitan e sofren no País dos Ananos". Aquel bon galego ("Gulliver Ferreiro"), exiliado, canso e farto decidira compoñer unha mostra contundentemente núa, libre e metafórica dun tempo, un espazo e unhas xentes que asumiran como alentos vitais, lonxe da terra, o ataque contra a dignidade dos demais e a miseria propia.