El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

na mesa

Televisión de Galicia estrea hoxe o seu novo programa 'Larpeiros'

O espazo centrarase na xente que compra, cociña, come e se divirte en compañía diante do lume

Un momento no acto de presentación do programa ‘Larpeiros’ - FOTO: TVG
Un momento no acto de presentación do programa ‘Larpeiros’ - FOTO: TVG

REDACCIÓN • SANTIAGO   | 02.07.2008 
A- A+

Televisión de Galicia estrea hoxe Larpeiros (21.50 horas), un programa de entretemento sobre cociña, pero que se propón, non só ofrecer receitas, senón reflectir o carácter social da cociña e da comida, para falar sobre todo da relación das persoas coas cousas de comer.

O novo espazo céntrase na xente que compra, cociña, come e se divirten en compañía, por iso a cociña non estará ocupada por un único cociñeiro/a, senón por varias persoas que cooperan, opinan e divírtense diante do lume, con micro vídeos que achegan informacións, curiosidades, trucos culinarios ou pingas de humor.

Os protagonistas de Larpeiros son colegas de cociña que comparten experiencias e conversas arredor da mesa.

Os larpeiros do programa son o xornalista Tomás Alonso; Benigno Campos, un amante e fenómeno dos fogóns; Lola Gestido, unha ama de casa afeccionada á cociña; Cruz Armada, a raíña dos pratos vexetarianos; Ramón Garrido, unha persoa sempre con ganas de comer e de falar, e Marian Rodríguez, unha masaxista que dá clases de cociña exótica.

Larpeiros presentouse o luns na vinoteca Baraciña de Vigo, nun acto que contou coa presenza de Pastor Lorenzo, director de Comunicación e Relacións Externas da CRTVG; Luís Collazo, produtor executivo da Produtora Faro; Xosé Cermeño, autor da idea do programa; Tomás Alonso, presentador, e Benigno e Lola, larpeiros do espazo.